E-Dixgal

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

-

14 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O E-Dixgal é o Programa de Educación Dixital para Galicia. A súa implantación (leva dez anos activo) nos centros educativos é opcional. Hoxe en día, nun 50 %.

Coma case todo, ten defensores e detractores, en cada sector: docentes, pais, alumnado.

O resumo do programa é dotar a cada alumno dun ordenador portátil desde o que pode acceder a todos os contidos. É obvio que modifica o sistema tradicional, baseado nos libros de texto.

Son nai dunha alumna que utiliza E-Dixgal. É por iso que vou ter unha visión parcial do asunto. Pero tratando de ser o máis obxectiva posible, e con esa teima de saber que nos tocan unhas cartas para cada xogo... creo que a idea non é en absoluto mala. A competencia dixital é indispensable na nosa sociedade, pero tamén é certo que non podemos facer dela a única vía de traballo, menos en idades temperás. Creo que a mellor opción sería combinar as ferramentas dixitais con outro tipo de soportes e metodoloxías.

Amais dos medios, debera poñerse moito coidado nos contidos. Non serve crear unha plataforma se non a convertemos nun medio vivo, e non semella que se estean actualizando e mellorando os contidos didácticos que se dispuxeron nun primeiro momento. Chámame moito a atención, pois un medio dixital fomenta, en gran medida, esa inmediatez na mellora.

Pero se hai algo que me sorprende aínda máis é que levando a palabra «galego» no nome, preste pouco coidado á corrección lingüística e á propia materia. Hai moito Dix e pouco Gal. Habería que tentar equilibrar.