
Como en Cataluña pasou o que se contaba que pasase nas eleccións do domingo, como sabemos que formar goberno no Parlament vai levar tempo e vai depender de negociacións interesantes, mellor deixamos o asunto catalán, mais as súas consecuencias no marco español, para máis adiante. Mellor seguimos ollando cara a Gaza, para intentar interpretar, dende o que alí acontece, este mundo en conflitivo cambio que nos toca vivir.
Unha das características das dereitas nacionalistas europeas de todos os tempos é identificar o mundo e os seus conflitos xeoestratéxicos en clave dos conflitos e intereses nacionais e dos intereses exclusivos deses partidos. Pásalles máis a unhas cá outras dereitas e con sentidos diferentes. Así, os británicos, os franceses e mesmo os portugueses, de longa e aínda recente experiencia colonialista, máis ben estaban afeitos a facer o contrario, intervir no exterior nunha lóxica imperialista que reflectía fóra os seus intereses metropolitanos. En Estados como os citados queda aínda tanta memoria desa experiencia imperial do século XX que mesmo rebrota agora na impotencia coa que se enfrontan ao seu papel non mundo do século XXI.
En España houbo unha certa elite que ficou moi doída pola «perda do imperio» en 1898, e para a que aínda agora a ollada ao exterior está presidida por unha ausencia de imperio que só eles conservan, porque aquilo quédalles moito máis lonxe —tres cuartos de século— que aos veciños portugueses que miran por riba do ombreiro. «Perdidas as últimas colonias», o século pasado comezou en España cunha rotunda mirada cara a dentro, chamada de recollemento ou de illamento e, aínda que a Segunda República, as guerras española e mundial e o exilio recuperaron a pegada externa da política española, a ditadura, cercada primeiro e pechada despois, acrecentou aquela mirada cara a dentro da política exterior española. O Estado español dimitiu e evitou ser un actor no mundo despois de Juan Negrín.
A consecuencia é que España hoxe —e non só a de dereitas, sendo precisos— carece de bagaxe, coñecementos e interese para interpretar o mundo alén dos curtos intereses internos. Por unha banda, é inevitable, comprensible, coherente con ese longo desentendemento español dos problemas internacionais máis alá dos seus efectos internos; por outra, leva a extremos perigosos, como cando Aznar foi enguedellado no trío dos Azores para amparar unha guerra ilegal na que el buscaba recuperar o papel no mundo, entre os grandes, da súa imaxinaria España imperial do pasado.
No asunto do asalto e a matanza en Gaza, perpetrada por Israel en resposta aos ataques de Hamás, esa ignorancia dos asuntos internacionais e da historia que os explica, sumada á fachenda de falar de todo na clave interna española en relación coa desaparecida ETA, chega a ridículos nos que a expresión da ignorancia e o desprezo ao sentido común humanitario e á mesma ONU dan vergoña por parte de certo PP. Almeida e Ayuso chegan a extremos cos que non compiten Aznar —algo máis sabe— nin Abascal, que ben sabe que non sabe nada. Mesmo Eurovisión lles queda grande.