![](https://img.lavdg.com/sc/Uu6Fpzn5kQIljcabkEnemdYQZ6M=/480x/2024/05/17/00121715960761863491757/Foto/j_20240517_160633000.jpg)
O lóxico sería que os políticos e analistas que responsabilizaron a Pedro Sánchez do éxito de Bildu nas eleccións vascas recoñecesen que o éxito do PSC e o fracaso do independentismo nas catalás tamén son cousa súa, pero non é así.
Na actual e dura confrontación política a lóxica nada vale e a dereita que o acosou, como nunca tal se vira, no Congreso, nas rúas e nos medios; que se manifestou contra a amnistía aos líderes independentistas porque «é abrir de par en par as portas ao secesionismo», atribúe o desastre nacionalista á desunión dos partidos, á marcha das empresas, á mala xestión do Govern, á seca e a calquera cousa, agás á valentía de Pedro Sánchez, que fixo seu o dito catalán «qui no s'arrisca, no pesca», e arriscouse e pescou.
A dereita nin sequera recoñece o mérito do candidato socialista Salvador Illa, a quen ata o veterano xornalista Gregorio Morán, o vieux terrible do columnismo político, que non fala ben de ninguén e aborrece a Pedro Sánchez, respecta e valora á súa maneira: «Lo tiene todo; es tan catalanista que no lo parece, reza un padrenuestro todas las mañanas al levantarse y tiene ese aspecto apagado y gris que tanto agradecen las gentes de orden en el funcionario modélico. Además, es disciplinado y fiel. No cae mal a nadie». Mal non, pero Vox acusouno durante a campaña de ser un independentista camuflado, e o Partido Popular de ter asumido parte do ideario separatista.
Salvador Illa non entrou ao trapo e respondeulles na intervención ante os medios, xa como gañador das eleccións, cun discurso en catalán e castelán: «Por primeira vez, o PSC gañou as eleccións de Catalunya. Tempo haberá para analizarmos os factores, pero un deles é, seguro, a política realizada en España polo presidente Pedro Sánchez, a quen envío o meu recoñecemento. Esta nova etapa é para todos os cataláns, falen como falen, vivan como vivan e veñan de onde veñan». Moi independentista non parece.
Eu coido que os electores non politizados entenderon que o nacionalismo volveu enganalos co procés como fixera en 1984 cando o fiscal xeral do Estado presentou unha querela contra Jordi Pujol e demais directivos de Banca Catalana, despois de que miles de pequenos inversores perdesen os aforros e os administradores da entidade retirasen os seus. Daquela, os cataláns non afectados creron na honestidade do líder que mellor encarnaba o catalanismo, e hoxe saben a verdade. Por iso confiaron no par Sánchez?Illa e votaron PSC.
Resultan divertidas as análises e os titulares da dereita para desvirtuar o triunfo socialista. O máis ocorrente di: «Pedro Sánchez: el gran derrotado de las elecciones catalanas».