Co gallo das Letras Galegas realizáronse moitos actos ao longo do país. E claro, todos queren que se saiba o que fan.
Pois ben, unha ilustradora, compañeira de fatigas, leva varios días denunciando nas redes sociais o uso da ilustración que realizou para un libro sobre a escritora homenaxeada este ano. A imaxe decora distintos carteis que anuncian actos, moitos deles creados por organismos oficiais. Apropiáronse dela sen sequera pedirlle permiso. Que unha imaxe circule polas redes non significa que estea libre de dereitos. Porque esa imaxe tampouco está libre de esforzos, arte, traballo, dedicación e coñecemento. Ten unha creadora.
Houbo organismos que ata copiaron o título do libro. Non só aforran a imaxe, é que nin sequera pensan nun lema que os signifique e diferencie.
O peor é que este non é un caso illado. En certos momentos proliferan máis os exemplos, pero a reprodución de parte ou totalidade de obras artísticas é habitual. Isto pon de manifesto dúas cousas. A primeira é a pouca implicación que hai na actividade que van desenvolver. A outra, o pouco respecto e valor que se lle dá aos artistas. É algo incomprensible, pois roubando o traballo deles aforran o seu. Daquela... valor ten, non?
Para quen se dedique a ilustrar, á música, a bailar, a escribir, a pintar... élle moi difícil vivir do seu traballo. A maior parte desas persoas deben ter outro emprego que lles permita comer e logo roubarlle horas á vida para crear beleza. Sería un sacrilexio pisar esa marabilla, non cren?