Desvergoña

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

25 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Aminta, un personaxe feminino de El Burlador de Sevilla, de Tirso de Molina, di alporizada: «La desvergüenza en España se ha hecho caballería». Corría o ano 1616 e aínda que a falta de pudor foi unha eiva social en todo tempo, era especialmente grave nun século en que a honra, as linaxes e a limpeza de sangue preocupaban a nobres e plebeos. O campión da desvergoña era Quevedo, que chegou a crear centos de alcumes e aldraxes enxeñosos para ferir coa palabra os inimigos políticos e literarios; pero tivo rivais meritísimos como Góngora e Juan Pérez de Montalbán, que o cualificou de «maestro de errores, doctor en desvergüenzas, licenciado en bufonerías, bachiller en suciedades, catedrático de vicios y protodiablo entre los hombres».

  

En maio de 1968, cando a revolta universitaria e sindical puxo en perigo o Goberno do xeneral De Gaulle, o psicanalista francés Jacques Lacan anunciou que se perdera a vergoña e ratificouno dous anos despois no seminario dos catro discursos. O que Lacan veu vir foi «a normalización da desvergoña» que hoxe padecemos. Unha desvergoña xeralizada no eido da política, allea a toda moral e protagonizada por líderes que nada teñen co enxeño de Quevedo e dos seus rivais porque son feras que se agreden a dentadas e cabezadas; nin tampouco a suposta elite intelectual que os aguilloa desde os medios.

En política non hai verdades, só hai certezas; e cadaquén converte as súas en dogmas, polo que acadar un mínimo acordo resulta imposible. Desvergoña é a palabra máis repetida nos artigos de opinión contra o Goberno e contra a oposición. E todos teñen razón, polo que a poboación non sectaria pensa que a desvergoña en España se fixo cabaleiría desbocada.

Como pode acusar publicamente o ministro Óscar Puente ao presidente arxentino Javier Milei de «inxerir substancias»? Como pode o presidente arxentino vir a España e chamar corrupta á dona do presidente Pedro Sánchez, e ser ovacionado por Abascal e a súa tropa? Como puido Feijoo facerlle no Congreso un xuízo paralelo sabendo que o informe enviado pola Garda Civil ao xuíz afirma que nada a relaciona co rescate de Air Europa nin cos concursos convocados por Red.es, e que non recibiu ningunha subvención pública? Como pode Miguel Ángel Rodríguez, xefe de gabinete de Ayuso, ameazar por escrito os xornalistas de elDiario.es por informar do presunto fraude fiscal da parella da presidenta madrileña: «Os vamos a triturar. Vais a tener que cerrar. Idiotas. Que os den»?

 Para responder a tanto «como», Jacques Lacan necesitaría outro seminario. Miña nai, que tiña a sabedoría do rural, faríao cun refrán: «Vergoña perdida, unha ansia fóra».