O Premio Turing é o análogo ao Nobel no eido das ciencias da computación. En anos recentes gañárono dende Tim Berners-Lee, en 2016, por inventar a World Wide Web (a famosa www que cambiou o mundo), ata os pais do mecanismo da aprendizaxe profunda na intelixencia artificial en 2018 (un avance cualitativo que está a cambiar e cambiará aínda máis as nosas vidas). En 2024 recae no israelita Avi Wigderson, por descifrar o rol da aleatoriedade nas solucións computacionais. El é un teórico da computación, busca a mellora do cálculo de procesos que en principio son lentos de resolver. Un dos seus descubrimentos máis importantes foi demostrar que os algoritmos que fan eleccións aleatorias para irse aproximando ás solucións poden ser tan precisos como os algoritmos convencionais, máis ríxidos.
Pero o mérito de Wigderson é aínda maior se cabe, porque en 2021 gañou tamén o Premio Abel de matemática (considerado o Nobel desa disciplina) polo seu traballo nas chamadas matemáticas discretas. El e o norteamericano Barry Sharpless (nobel de química 2001 e 2022 —gardamos grato recordo da súa estadía en Galicia— son as únicas persoas vivas con dous galardóns científicos dese peso. Únense así a outros catro xenios xa falecidos: Marie Curie (nobel de física 1903 e de química 1911), John Bardeen (nobel de física 1956 e 1972), Frederick Sanger (nobel de química 1958 e 1980) e John Nash (nobel de economía 1994 e premio abel 2015), cuxa vida narrou a famosa película Unha mente marabillosa e que tamén fixo unha estadía inesquecible en Galicia.