Dereita escorada, dereita perdida

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

A. Pérez Meca | EUROPAPRESS

28 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A vella idea de que o electorado español era centrista xa non está de moda. A análise dos politólogos de que as eleccións se ganan no centro, tampouco. Lembran? Non hai tanto tempo eran dogmas que os grandes partidos —e os pequenos— seguían. Que pasou logo? O tempo que o leva todo.

A idea de que o electorado español era centrista foise co vento das xeracións da Transición, respondía a unha lóxica por fuxir de extremismos que era máis popular que política e que os votantes premiaban. Hai uns cantos políticos daquela época, do PSOE, de UCD e AP, sempre enfadados porque non dan entendido nada. Mudou a historia e eles seguen no pasado. Así de simple. A experiencia é un grao cando se adapta ás mudanzas do presente, senón é unha pexa. O lastre que arrastra agora Felipe González, por exemplo, serviría para permitir navegar sen carga un petroleiro dos que se facían en Astano cando el foi elixido en Suresnes.

Pasou que a ciencia política dominante foi construída para un tempo de estruturas estables, sen crises económicas nin cambios bruscos, sen medos no horizonte como a intelixencia artificial e a transición ecolóxica, sen guerras ás portas. Nin historia nin pasado eran tomados en conta, había un bo presente, traballábase para un mellor futuro e o electorado premiaba iso. Aos poucos todo mudou en quince anos ata facer irrecoñecibles as estruturas e cambiar os marcos. Algúns adaptáronse e acudiron á confrontación política cargando márquetin e a comunicación política coas armas dialécticas do inimigo máis IA. Con diferenzas: uns trouxeron a polarización, outros aprenderon a traballar nela. Escollan vostedes quen.

Despois das eleccións de Euskadi e Cataluña, no Partido Popular deberan pensar que asumir o discurso da extrema dereita sobre a amnistía, a inmigración ou, como fan agora para as europeas, sobre a masacre de Gaza ou o pacto coa extrema dereita, só favorece aos seus competidores. A democracia necesita dereita e esquerda, como di José Mújica necesita acordos entre as dúas tendencias que existen. O vello tupamaro uruguaio debera ser máis escoitado na esquerda. Os datos amosan que a dereita, escorada aos argumentos da extrema dereita, non pode gañar en España porque, aínda que pasou o tempo do centrismo postizo, a dereita extrema só atrae a unha minoría. Pero as minorías poden comerse ás maiorías con liderado.

Non entendo a actitude do PP con Milei, o novo valedor do seu competidor, capaz de mostrar o vello camiño de como a extrema dereita devora á dereita democrática. Coa escenografía: despacho, butacón, bandeira. Posta en escena: da motoserra ao mitin de Vox. Machismo belicoso, dise agredido por mulleres: «Os políticos covardes agóchanse nas polleras». Ofendido por todo: non o felicitaron. Ofensivo sempre contra os adversarios, convérteos en inimigos: os socialistas son cans que moven á envexa. Racha consensos: a xustiza social é un roubo, a seguridade social universal unha aberración. Desafiante: racha cordialidades e protocolos: ven a un mitin e non saúda aos anfitrións do Estado, rei ou presidente. Lembra a Mussolini hai cen anos, enganou a moitos, mesmo ao Churchill que logo o combateu.