Hai quen viu o retiro de cinco días do presidente Sánchez coma un acto de covardía e tamén quen o entendeu coma un acto valente e humano. Mais ninguén é intocable, e menos un presidente democrático. É certo que esa reacción imprevisible para todos, mesmo para os seus, provocou unha reflexión na sociedade. Agora ben, dubido moito que os efectos vaian ser os desexados polo presidente, porque ninguén, e menos a oposición, se vai dar por aludido e a culpa será devolta a quen acusa. Vemos xa como a lupa acolle nesa visión calquera saída de testo, coma a alusión, coido que desafortunada, de Óscar Puente a Milei, ese matón arxentino que xa veu a España para compartir acto e barullo con esoutro personaxe estrambótico que é Abascal, talvez o político que máis atributos lle regala ao presidente Sánchez. Ilexítimo, prevaricador, delincuente... e agora choromicas son só algúns insultos que superou ese señor da motoserra, tan perigoso coma ridículo, pero que non dubida en botar lume pola boca, cuspindo a palabra liberdade.
Comprendo a queixa do presidente Sánchez, e esa lama da que el fala é un síntoma inquietante de mala saúde democrática, pero a confianza non se pode institucionalizar. A masa inculta e acrítica é a cada volta maior, e non vai ser doado controlar democraticamente ningún deses medios ou redes sociais que espallan a mentira e o bulo e son, por desgraza, o sustento co que a extrema dereita soña con rematar coa democracia usando o seu propio sistema.
O curioso é que, diante de calquera intento de meter man no asunto por parte de Sánchez, Abascal ou Milei se converten nos maiores defensores da liberdade de expresión. O mundo ao revés. Para chorar.