Chamémoslles, por preservar o anonimato, María e Xosé a uns amigos bregados na loita antifranquista, ecoloxistas, artistas, os típicos inconformistas dos oitenta que rompen polas bravas coa xeración nacionalcatólica representada polos seus pais, que xamais os comprenderon. O seu fillo de catorce ou quince, digamos un tal Xesús, que ben podería ser unha moza rebelde e independente, cuspidiña en todo á súa nai, un día de 2010, no fragor da discusión por un horario, un desencontro coa poli que acabou en multa, un coma etílico ou algo así, pronunciou o insulto máis currado do mundo, o paradigma dos insultos para toda esa xeración de María e Xosé: «Es un pouco fascistilla ti, non?», díxolle Xesús ao seu pai.
Todas as familias teñen un trauma causado pola adolescencia dalgún dos seus vástagos, pero este, en concreto, converteuse no profeta dos adolescentes daqueles primeiros dous mil para quen as nosas vellas palabras «facha», «fascista» ou «fachorro» xa non significaban gran cousa. Aquel «fascistilla» anunciaba un novo prototipo de ultra, ese a quen xa nin sequera lle interesa que o Estado defenda a súa cidadanía (non crean: desde os nazis ata Franco, ese seica era o obxectivo) e que só pretende unha xestión do sálvese quen poida... ou quen o mereza en función de criterios que xamáis son éticos senón mercantís. Así son Milei, Trump, Bolsonaro e Meloni, como son, quizais, boa parte dos adolescentes que ven en todo unha ameaza ao seu demencial albedrío, tan libre de criterio coma de egolatría.
Si, camiñamos inexorabelmente cara á era dos fascistillas. Unha clase de novos ultraliberais distópicos que, medio saídos da nosa ilustrada ficción igualitaria, son os máis perigosos de todos.