Unha bocalada de aire

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

DENÍS E. F.

01 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Asistimos en corpo e alma a un cambio de época. A política como instrumento para enfrontarse aos asuntos públicos da cidadanía e do mercado está derivando a un combate entre amigos e inimigos, falsa transposición do debate milenario entre o ben e o mal. O radicalismo inflúe nas persoas e a agresividade vai ocupando espazo como compañeira da ignorancia. Diríase que, pase o que pase, todo dá igual e vémonos abocados a unha predestinación que divide o mundo en tres terzos: os que sempre ganan, os que podemos participar do benestar, suxeitos ás crises que nos desprazan, e os excluídos, sumidos na miseria. Ata as guerras parecen banais, coma se fosen algo normal.

Os crentes na Unión Europea que valoramos un proxecto político que foi e é decisivo para a modernización de España e de Galicia estamos preocupados pola estabilidade do cogoberno de dereita, esquerda, centro, liberais, verdes. A Europa da paz e a xustiza social, as migracións, a cultura, a sostibilidade, o cambio climático. A Europa unida que evocaba Macron nas exequias de Jacques Delors, «soldada por valores comúns, de Compostela aos Balcáns, do Atlántico á mar do Norte», fronte aos dilemas que un Borrell valente enuncia con concisión.

Ende ben, ante ese maremágnum, convén volvernos cara ás cidades, que sempre pulsan a realidade cotiá. Tranquiliza ver que o presidente da Xunta e os alcaldes se van reunindo para afrontar temas infraestruturais, sanitarios, patrimoniais, industriais, ambientais. Penso que na importante actuación na fronte portuaria da Coruña é clave a calidade da arquitectura. En Compostela, como capital e símbolo internacional, turismo, vivenda e mobilidade esixen coordinación administrativa. Vigo, a gran cidade do horizonte marítimo máis fermoso, ten desafíos metropolitanos e de fronteira de primeira orde. O esforzo de Pontevedra na humanización de espazos públicos debe compensarse coa rehabilitación de rúas e prazas. Ourense, a cidade-provincia, afronta un futuro que gravita en sectores dinámicos vinculados aos recursos naturais. Lugo e Ferrol teñen, sen lugar a dúbidas, un dos maiores retos que todos debemos facer noso, o enlace ferroviario.

Que os políticos se reúnan e se escoiten é unha bocalada de aire fresco e dálle á política unha impronta humana e racional, máis alá do espasmo das redes e da intelixencia artificial que pode chegar a gobernarnos. Aire benfeitor fronte ao abafo que proxecta a política desde Madrid, onde pensan, equivocadamente, que ese frenesí se vive coa mesma intensidade nas periferias.