Nuevo León é un dos estados que conforman México, agora en campaña política pola alcaldía.
Nun dos mitins, a candidata dunha coalición política pediulles aos seus seareiros que se sentasen para facer unha foto. Necesitábaa para amosar que o local estaba cheo. Pero os asistentes non atenderon á petición e seguiron alternando entre eles animadamente.
Isto non gustou nada á candidata. Volveu pedir que se movesen para facer a foto. Pero non se apresuraron, o que acabou por enfadala. Chamounos desobedientes. Como ía gobernalos se non atendían ás súas ordes?
De aí pasou ao insulto. Debeu de decatarse de que a actitude se lle estaba indo das mans, que o coroou cun por favor. Pero berrando.
Outro compañeiro decidiu cortar o discurso, previndo o desastre.
Acabaremos así? Moitas veces sentímonos un pouco insultados, pois coas súas mentiras están faltando ao respecto á nosa intelixencia. Aparece a sensación de que se rin de nós. Espero que non cheguemos ao extremo de deixar que nos aldraxen dunha maneira tan directa e evidente. Pero a deriva da actitude política non augura un bo futuro.
A polaridade tamén se observa en que cada vez hai máis fanáticos políticos, que fan súas as consignas do partido co que se identifican, levándoas ao extremo.
Xa non se pode falar nun grupo de persoas se non se pensa igual. Pero tamén aumenta a desafección política, ata o extremo de que o poder público chegue a repugnar.
Como facer para rebaixar o ton? Quizais deberan comezar quen o elevaron a estes extremos.