Plan enerxético do PSOE para Galiza: secundar o espolio eólico do PP

Xosé Manuel Golpe PORTAVOZ PARLAMENTARIO DE ENERXÍA DO BNG

OPINIÓN

JOSE PARDO

08 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cualificaba o presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes a demanda do BNG de converter parte da central térmica de Endesa nun ben de interese cultural de ocorrencia. Temos que darlle a razón ao alcalde das Pontes no sentido de que si, foi unha ocorrencia que xorde da sociedade das Pontes e que o BNG recolle como unha demanda necesaria. Conservar parte das instalacións da central térmica en pé, no canto de destruílas, e dedicar parte destas instalacións a museo está lexitimado na necesidade de gardar vestixios que alimenten a memoria.

A conservación de elementos desta central fortalecerá o recordo daqueles que fomos testemuñas da súa actividade e manterá viva a memoria nas xeracións futuras. Tamén obrigará a Endesa a exercer a súa responsabilidade co Concello das Pontes e con toda Galiza. Todo o que non sexa isto parecerase moito a un «colle o carbón e corre».

O Ministerio de Cultura, a través da comisión de seguimento do Plan Estatal de Patrimonio Industrial do Instituto do Patrimonio Cultural de España, emitiu un informe en 2022 sobre o valor cultural das centrais térmicas en proceso de desmantelamento.

Dito informe cualificaba ese proceso de «destrución masiva destas instalacións sen ter en conta posíbeis vías de conservación que garantan a transmisión dos valores patrimoniais ás xeracións futuras, tal e como se estabelece na Lei 16/1985 de Patrimonio histórico español». Non sei que pensará o ministro de Cultura, e compañeiro de siglas de Valentín González Formoso, de que cualifique como ocorrencia as recomendacións do seu departamento. Sorprende tamén a repentina preocupación do rexedor polo solo industrial, tendo en conta que en 17 anos de mandato non puxo en marcha nin un só metro cadrado. Non debe saber este alcalde que o seu concello ten enriba da mesa até catro proxectos industriais, Sentury, Ence, H2Pole, Endesa H2, todos eles con chan dispoñible. Mellor sería que, en lugar de criticar ao BNG, se preocupase de garantir os 1.400 MW do nó de evacuación.

Vencellar o futuro industrial de Alcoa ou de novos proxectos a instalar nova potencia eólica é non ter visión de conxunto. Se a enerxía fose un factor clave para estas industrias, que Galiza exportase o 45 % no pasado ano sería garantía suficiente de viabilidade. Parece que este alcalde non coñece o sector enerxético a pesar de vir da man dunha empresa do oligopolio e parece ignorar que os contratos PPA poden subscribirse en calquera parte do Estado e tamén parece que non fala moito cos seus compañeiros alcaldes afectados por polígonos eólicos, que penduran faixas en contra deses polígonos nas casas dos concellos. Preocupa que o discurso do PSOE en materia de enerxía sexa o mesmo có do PP; que confunda desenvolvemento enerxético con espolio eólico; que tape o feito de que con 4.000 muíños nos nosos montes Galiza perdese máis de 27.000 postos de traballo no sector industrial desde 2009, mentres Madrid, con cero eólicos, sumou miles de novos empregos na industria. O BNG defende a enerxía eólica, por suposto, pero ao servizo do país, non dunha presa de multinacionais. Mágoa que ao PSOE o que é de xustiza lle pareza unha ocorrencia.