Chorar polo fútbol

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

CESAR QUIAN

12 jun 2024 . Actualizado a las 20:15 h.

Vivimos este último mes xornadas de fútbol (ata que en breve dea comezo outra competición, claro, que isto non remata coa liga, nin moito menos). Foron partidos de alto nivel de presión, pois neles xogábanse os ascensos (e descensos!). Os xogadores estaban preocupados e os seareiros sufrían desde as bancadas tanto coma eles.

É curioso o sentimento de pertenza que producen certos deportes, destacando entre eles o fútbol. Nunca tanta xente vin chorar coma nalgúns dos seus partidos. Trátase dun pranto que iguala. Homes, mulleres, cativos, mozos, adultos e anciáns. Interxeracional e interxénero. Coma se a perda dun partido, dun título ou dunha oportunidade fose a amputación dun membro do corpo.

Está ben que, alén do mercantilismo desta disciplina, aínda quede algo de paixón. Ás veces é complicado exteriorizar os sentimentos. No fútbol apértase, bícase e chórase. Facelo en grupo, como parte dun ritual, pode axudar a algunhas persoas. Só por iso, benvido sexa. Máis deste xeito, anónimo e con referentes: os xogadores.

Habería que facer análise de ata onde debe chegar ese exemplo, pero iso é outro cantar. O caso é que choran no campo e nas roldas de prensa. Porque gañan, perden ou se despiden. As súas bágoas en público poden axudar a ser máis respectuosos cos sentimentos dos demais, sen que esas mostras de rabia, angustia, pena ou dor se asocien nunca máis á debilidade. Ao contrario, parece que un é máis valorado se chega a emocionarse ata eses extremos. O fútbol, agora, é dos que choran.