A felicidade do futuro

OPINIÓN

Carlo Allegri | REUTERS

13 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Coido que durante os vindeiros anos teremos que convivir, queirámolo ou non, con anuncios de innovación tecnolóxica e advertencias apocalípticas en todo o referente á intelixencia artificial. Estes días, Tim Cook, coma se viñese de inventar a penicilina, fálanos da alianza entre Apple e ChatGPT, que seica fará que o Siri se converta nun compañeiro esencial e saiba máis ca nós mesmos da nosa propia vida, alimentándose de toda a nosa información dixital, mesmo nun terreo tan privado e confidencial como é o do WhatsApp. Cunha simple pregunta ao dispositivo, saberemos a que hora chega o avión da nosa filla, que estrada será a máis rápida para ir buscala e mesmo nos fará unha reserva no mellor restaurante, escollendo ben o menú porque o noso historial está ao seu dispor. Que marabilla!, pensarán algúns, aos que non lles importa que os seus datos circulen e se almacenen nunha nube. Mais tamén hai uns poucos descridos, aos que agora, curiosamente, se suma Elon Musk, o Nostradamus deste século, que ameaza con desterrar os dispositivos de Apple das súas empresas, baseándose, mira ti, na seguridade.

Está claro que esta alianza non é máis ca outra actuación dese circo tecnolóxico que seguirá a nos prometer un futuro brillante e automatizado, capaz de nos empurrar cara a ese abismo da vixilancia e a perda de control de todos os nosos datos. Aínda así, seguirán a nos dicir que non nos preocupemos porque neste espectáculo todos temos asentos en primeira fila, que non hai nada malo en sacrificarmos ese mundo privado para ter a cambio a posibilidade de estar entretidos toda a vida. Ademais, que problema hai en que un cerebro dixital pense e decida por nós se, no fin de contas, a ignorancia vai ser a nova felicidade do futuro.