A ficción

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍ DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Ballesteros | EFE

13 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Adoita dicir o meu amigo Paco Mariló que hai moita xente (e mira cara a min) que vive do conto. Poida que teña razón. Ou non. Porque en realidade eu creo que vivo nun conto. Non é asunto particular. Creo, certamente, que todos habitamos un mundo de ficción que un ente superior crea a diario. Se non fose así, resultaría difícil entender o que estamos a vivir estes días postelectorais. Por máis que analizo os resultados, non sei onde reside a resistencia do PSOE que algúns enxergan. Tampouco a «doce derrota» da que falan os mesmos. Contemplo o mapa de España, case todo coa cor do PP, e non dou crédito nin á resistencia nin á doce derrota. Quizais eu viva nun mundo paralelo, sumido noutra ficción, envolvente como esta que nos domina. Os mundos paralelos son propios das obras utópicas e distópicas. Huxley e Orwell escribiron sobre estes asuntos con pericia. Como unha profecía, os seus textos seguen a ser actuais. A realidade deturpada asólanos. O desencanto, talvez. De aí nacen personaxes como os que habitan o universo de Se Acabó La Fiesta. Tres eurodeputados e case oitocentos mil votos. Escoitas falar ao líder desa agrupación electoral (a min prodúceme pavor), e sabes que hai que levantar o pé. Que abonda de polarización. Que o sentido común debe imperar, e non impera. O Partido Popular ganou con claridade as eleccións do pasado domingo. Unha claridade que non contemplan aqueles que seguen a crer o CIS de Tezanos. Non hai que tomalo a broma: tira o diñeiro público para favorecer o partido do que foi dirixente. Quizais Tezanos, coma min e coma todos, vive dentro dun conto. Convén ir aprendendo que rara vez os contos, e as ficcións, teñen relación coa verdade.