Cando vin a Isabel Díaz Ayuso impoñerlle a Medalla Internacional da Comunidade de Madrid a Javier Milei recordei unha comedia disparatada do século XVII, titulada Cada cual con su cada cual. Aí estaban un e outro cada cal para pasmo de analistas, que non entenden a concesión a un político que non se identifica co PP, senón con Vox, e quere na presidencia do Goberno a Santiago Abascal, non a ela. Os comentaristas de esquerda, sen pensalo moito, dixeron que foi para agradecerlle as aldraxes que na festa de Vox lanzou contra o socialismo, Pedro Sánchez e Begoña Gómez; e os de dereita xustificárona como correspondencia ás merecidísimas loas que Milei vén facendo da presidenta e do seu xeito de gobernar. Nun vídeo que estes días circula en internet di literalmente: «Leo que intentan afear a la presidenta Ayuso por los 7.291 ancianitos pelotudos que se murieron sin asistencia por no tener un seguro privado. Y quieren que les diga? Yo la nombraría ministra de Sanidad en la Argentina y se terminaba todo este gasto inútil en pensiones, asilos y medicamentos».
Precioso, pero falso. Arrepía ver o que un creativo pode facer coa tecnoloxía axeitada porque o vídeo é perfecto e o discurso unha espléndida caricatura oral de Milei, que probablemente pensa exactamente iso, pero non o di porque os «ancianitos pelotudos» arxentinos tamén votan. Os seus seguidores máis novos e combativos chaman ás persoas maiores da oposición «viejos meados» e o alcume fíxose viral nas redes sen que nin Milei nin o seu equipo o reprobasen; pero buliu a explicar nas pantallas que el nunca tal cousa fixera.
Coido que a concesión da medalla acordárona o Instituto Juan de Mariana e o equipo asesor da presidenta —Jiménez Losantos e Miguel Ángel Rodríguez, para simplificar e mellor entendérmonos— e que a razón está na crónica que Libertad Digital fixo do acto: «La verdad es que la medalla ha sido un movimiento político magistral de Ayuso, que ha reforzado la figura de Milei, uniendo su gancho popular al del argentino y presentándose los dos como enemigos implacables del socialismo y, claro está, de Sánchez». E engade: «Milei ya no aparece secuestrado por Vox, cosa que en la Juan de Mariana sentaba fatal, porque nada queda de liberal en Abascal y nada pinta Milei sentado con Marine Le Pen y otros estatalistas patológicos de la alt?right».
En definitiva, Jiménez Losantos xa non vota a Vox e con Miguel Ángel Rodríguez quere salvar o soldado Milei para a causa de Isabel Díaz Ayuso.
No remate a crónica tórnase rosa e di que nas fotos Isabel parece a Ava Gadner de Mogambo. Eu non a vexo así. Está guapa e esbelta, pero a min recórdame á Betty Boop e Milei a Popeye.