O azar non existe na arquitectura patrimonial, cada pedra está no sitio que lle corresponde e foi pensada para cumprir unha función concreta —un salón, unha torre defensiva—, coa intención de crear arte, simboloxía e transcendencia. As condicións ambientais agrídenas, pero a substancialidade dos perpiaños é motivo de interpretación ao longo dos anos. Porén, a realidade construída, cos seus erros, é un dato científico.
Chegando a Braganza divísase o contundente recinto amurallado, cunha torre do homenaxe de arquitectura clara e, a carón da igrexa da Nossa Senhora do Sardão, un edificio románico en forma de pentágono irregular, rodeado de ventás con pequenas arquerías de medio punto, construído sobre un alxibe, onde se reunían os «homes bos» do concello. Mirándoo con calma, as esquinas mal concertadas delatan que é unha edificación «reintegrada», pero a fábula da autenticidade persiste.
Gimarães é unha cidade cun centro histórico de gran carácter. Coincidimos, agora si por azar, coa procesión da Virxe da Penha que descende cara á colexiata. O pobo das aldeas toma posesión da vila, seguramente a poboación burguesa deserta en tal día, e polo medio nós, turistas, seguindo o paso da santiña diminuta no seu trono florido polas estreitas rúas adornadas con colchas de damasco, entre cánticos e o paso da banda marcial. Todo un compendio da cultura material das pedras labradas e a inmaterial da devoción popular. Ambas son inseparables.
De volta na casa, a seguinte fin de semana xuntámonos catro amigos composteláns para contemplar como no solsticio de verán, ás 6 da tarde, o sol penetra a través do espello do Obradoiro para iluminar o altar do Apóstolo. Sabiámolo, pero depende das nubes. Logo, na noite de san Xoán subimos ao monte Gaiás para asistir ao espectáculo emocionante do solpor sobre o Pedroso.
Hai que volver andar a xeografía, ver o percorrido do sol nos seus dominios, descifrar a arquitectura construída e repensar a cidade, para non vivir en exceso dos mitos e as lendas ao uso, que alteran tanto a realidade que a desfiguran. Da mitificación pásase a banalización e, finalmente, á vandalización cando xa se lle perde o respecto ao ben patrimonial.
En Compostela é o momento de volver narrar unha historia o máis verdadeira posible, porque o empuxe das lendas está propagando unha imaxe anecdótica. O equilibrio de calquera cidade radica nese dilema, nun lugar indeterminado entre tradición e innovación, onde considerar o pasado e respirar o aire do porvir.