Unha epidemia malhumorada percorreu esta fin de curso os institutos de Galicia: regras repentinas, dores de cabeza incapacitantes, nocellos tortos, urticarias. Por motivos sanitarios, a fin de curso adiantouse para tanto enfermo. Os centros de saúde estaban preparados para a alerta, cos pediatras mentalizados diante da avalancha ansiosa de nenos e nenas de gran tamaño que xa preguntan, disimuladamente, se o paracetamol coloca. Pero a epidemia foi controlada nos centros comerciais galegos.
Non é a primeira vez que pasa. Hai quen culpa de tanta enfermidade a directriz da consellería, que estabelece que o alumnado suspenso ten que facer exames de recuperación antes de finalizar as clases, de xeito que os aprobados quedan sen ocupación. E ben saben as deusas o que é unha horda de adolescentes sen ocupación encerrada en primavera!
O problema, en realidade, é complexo, e arrinca dun sistema educativo que, desde primaria, só os prepara para entender que non acoden á escola a aprender, senón a ser avaliados. Que facer no instituto cando nada do que alí se faga vai ser materia de exame? Que pintan nun lugar do que desapareceu o marabilloso obxectivo do saber polo saber? Onde quedou a posibilidade de dedicar tempo á actualidade, debates de interese, cuestións éticas? O gran obxectivo dese sistema que todo o avalía é converter a cada cidadán, desde a tenra infancia, nunha máquina de cumprir normas, acrítica con todo o que a rodea.
Entendo á horda en epidemia de vagancia. Calquera que estivese facendo unha media de dous exames semanais desde os 8 anos, estaría desexando liscar da escola en canto teña idade de acender un porro e simplemente, ver pasar a vida interesante que quedou enganchada nos bambáns do patio de educación infantil.