
Momentos estelares del parlamento a lo largo de la Historia. Tal é o título do último libro editado polo servizo de publicacións do Congreso dos Deputados. Da Atenas de Pericles aos debates do impeachment a Nixon, sucédense 40 episodios acontecidos nese escenario único que son os parlamentos, narrados por outros tantos letrados das Cortes españolas que, como lembra o coordinador do libro, Alfonso Cuenca, para superar as oposicións estudaron un programa con máis de medio cento de temas históricos, debendo desenvolver dous deles nun primeiro exercicio durante oito horas.
É precisamente o eficiente letrado Alfonso Cuenca quen rememora na súa colaboración un dos duelos máis espectaculares da historia do parlamentarismo: o que mantiveron a altas horas da madrugada do 17 de decembro de 1852, no medio dunha impresionante treboada, o conservador Benjamin Disraeli e o por entón aínda tory e posteriormente líder liberal William Gladstone, probablemente as figuras máis preeminentes de Westminster ata os tempos de Churchill. Disraeli, daquela ministro de Facenda (chancellor of the Exchequer), acababa de pronunciar un brillante discurso en defensa dun orzamento que incluía o primeiro imposto directo sobre os ingresos ou a renda. Á marxe da costume parlamentaria da época, Gladstone pediu a palabra ao remate do debate e, tras outro vibrante discurso de dúas horas de duración, logrou tumbar os orzamentos de Disraeli, e de paso ao Goberno conservador de Lord Derby.
O Parlamento estaba, entón, dividido en partidos, pero tamén en faccións de notables dentro deles. Co seu discurso, Gladstone conseguiu xuntar os votos dos liberais, os irlandeses e parte dos propios conservadores. E precisamente porque o Parlamento estaba xaxún dunha maioría clara, é que Disraeli pronunciou unhas palabras que xa están incorporadas a calquera libro de citas parlamentarias: «Inglaterra non ama as coalicións». Foi tras un parágrafo no que afirmaba: «Cando o Goberno non pode aprobar as súas medidas, os máis elevados principios da vida pública, os dogmas máis importantes da política, dexeneran en cuestións partidistas. Fíxense na cuestión da imposición directa, o tema máis importante do día. É unha cuestión que antes ou despois deberá forzar a atención de todos (…) Pois ben, aínda que sexa aplicada con prudencia, temperanza e sapiencia, tense convertido nunha cuestión partidista. Ou falemos da reforma administrativa! Ou de crear comisións para a mellora dos nosos portos! (…) Mañá mesmo converteríanse en cuestións partidistas. Si! Sei ao que me enfronto. Enfróntome a unha coalición. A combinación pode ter éxito. As coalicións tiveron éxito antes. Pero as coalicións, aínda que teñan éxito, topáronse sempre co feito de que o seu éxito é breve. Por todo isto, sei que Inglaterra non ama as coalicións».
Case dous séculos despois, os parlamentos mudaron moito. Continúan sendo grandes escenarios, pero os discursos vibrantes de dúas horas cederon o paso aos debates racionalizados nos que contar con sete minutos pode considerarse un luxo, incluso para falar dunha reforma fiscal integral. Pero as reflexións de Disraeli sobre como as coalicións xiran a atención desde os temas transcendentes ao interese partidista, teñen cobrado plena vixencia nestes meses. No Congreso, xa desde o 2018. E agora tamén en varias autonomías. Afortunadamente, semella que Galicia, como a veciña Inglaterra, tampouco ama as coalicións.