A viaxe é inherente á humanidade, quer buscando a vida, quer na procura dunha epopea histórica ou literaria, ou como aquel grand tour das clases privilexiadas que enviaban os fillos a impregnárense da cultura clásica. Aquilo das vacacións con estilo, limitadas a uns poucos, popularizouse en turismo, mochila, aplicacións intelixentes e aloxamento económico.
É case unha necesidade saír da xeografía cotiá, mudar o protocolo do saúdo, das rúas percorridas mil veces, do horizonte coñecido. O certo é que saímos como viaxeiros, pero, en chegando ao destino, desde o momento de tomar a primeira foto clasifícannos como turistas, e non faltarán veciños que nos estigmaticen. Por moito que nos empeñemos, coincidimos todos nos mesmos sitios. Se imos a Barcelona, como non visitar a Pedrera, ruar pola Ciutat Vella, ver museos e coleccionar imaxes que rematarán nunha memoria dixital. As Administracións, loxicamente preocupadas por controlar as vivendas turísticas e impoñer taxas para ordenar os fluxos, están a fomentar, ao mesmo tempo, os destinos de cidade, de costa ou de interior, invitándonos a nos mover sen parar.
Asistimos a un novo quentamento inmobiliario a nivel mundial, que sempre estivo vinculado ao proceso global de urbanización e co que algo teremos que ver. Non todos son fondos voitre, hainos tamén «xílgaro». Abonda con que un local ou un piso da nosa contorna se venda ou suba a renda para que a referencia do prezo se propague.
Esta situación víase vir, pero os poderes públicos e os seus expertos adoitan ir por detrás, cando a mellor sostibilidade é prognosticar os problemas, e iso esixe ter boa información. E, postos a prognosticar, en que tipo de vivendas van habitar os migrantes que necesitamos por razóns demográficas e laborais, ou os que chegan en pateras, desesperados e desamparados? Véxase o conflito do aloxamento dos menores inmigrantes nestes días.
Se a especulación —concepto que habería que redefinir cualitativa e cuantitativamente— é consubstancial á historia urbana, penso que a posibilidade de garantir vivenda en alugueiro accesible non vai vir só do control dun mercado excitado agora pola demanda turística, senón dun labor concertado e constante das Administracións, en primeiro termo a local, para emprender políticas sectoriais antes de que o prezo se dispare. Mentres tanto, á vista de tantas leis e ordenanzas que tratan de regular o disparate inmobiliario, necesítanse recursos para xestionalas, sobre todo funcionarios, se non, quedarán en papel mollado.