Asustarnos. O que fai a extrema dereita principalmente é asustarnos. Usa como motivo a inmigración e os seus posibles efectos, os reais transformados, os supostos inventados. Asustan tamén cos efectos da transición ecolóxica que debe facerse para a vida humana no planeta e que require cambios nos medios de vida. Aí lle doe! O modo de vida. Asustan co posible cambio do noso modo de vida, consecuencia inevitable do mundo en mudanza no que estamos. Asustan con iso para atraer aos votantes e colocar a súa ideoloxía. Son as prácticas e a forma de actuar da extrema dereita, vémolo en Francia, en Italia, co brexit en Inglaterra, con Trump dende hai oito anos. Esa forma de asustar aos sectores sociais máis acomodados que teñen algo que perder, e aos sectores máis depauperados que teñen moito que gañar, practicada hai cen anos polo fascismo italiano e o nazismo alemán, foi explicada pola historiografía.
Detrás do susto, con ese fundamento, que provocan vén a ideoloxía que practican e queren impoñer. A ideoloxía unitarista propia dun nacionalismo militarista, dominador de culturas e identidades diversas; exclusivista, pois só eles son os patriotas e a súa a única forma de selo; contraria ao pluralismo cultural e á tolerancia liberal da diversidade; machista, profundamente machista; moitas veces fanaticamente relixiosos a prol dunha relixión única ultracatólica; reaccionaria e contraria á xustiza social. E que facemos? Unha fronte republicana en Francia, un cordón sanitario en Alemaña, no Reino Unido non votar aos tories fartos da súa reiterada incompetencia, nos Estados Unidos e Brasil presentar reputados e expertos militantes demócratas, ás veces mesmo demasiado vellos. Con Biden estamos mesmo no último recurso.
E que facemos verbo dos asuntos cos que nos asustan? Como se dirixen os demócratas aos votantes asustados pola extrema dereita? Parece que os déramos por perdidos para a democracia. Atender os problemas de fondo é inaprazable. O máis importante ten que ver coa inmigración, principal argumento de enganche para a extrema dereita. Faise só un tratamento de urxencia, relacionado co drama das mortes nos intentos de chegada, a reubicación e, sobre todo, impedir que os inmigrantes cheguen. Á vez sabemos que son necesarios para moitos traballos, que os necesitamos, pero non lles deixamos vir. Faltan números e estudos, socioloxía e economía. Sabemos que temos que construír mellores formas de integración na diversidade das súas culturas. Falta política e políticas. Repítese que nós —todos os europeos— fomos tamén emigrantes. En realidade, a humanidade nunca parou de moverse e nunca tanto como nos tempos do capitalismo. Falta historia. Sabemos da experiencia histórica para construír comunidades diversas, de galegos, askenazis, croatas ou sirios, diferentes pero relacionadas para crear novas identidades na Arxentina ou México. Tamén das súas complexidades, inxustizas e conflitos. Sobra coñecemento para abordar o futuro sen que nos asusten. Usémolo.