«Estás bébeda, Sue Ellen»

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

25 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada arte e cada medio de comunicación ten os seus fitos e algúns deles, aínda sendo anecdóticos, son ben reveladores e significativos. Na TVG, poucos acontecementos deixaron unha pegada comparable a aquel «estás bébeda, Sue Ellen» da serie Dallas. Arrincaba a Televisión de Galicia e a dobraxe permitíanos asistir a unha expansión de rexistros sen precedentes.

Co seu aquel de chiscadela pouco seria, ese «estás bébeda, Sue Ellen» tivo maior repercusión social que xestos intelectuais previos que desafiaron o constrinximento artificial ao que se vía sometida a lingua galega. Ramón Piñeiro e Celestino Fernández de la Vega traduciron ao galego Da esencia da verdade, de Heidegger, cunha clara intención de demostrar que a lingua galega podía expresar o máis complexo e sutil da filosofía alemá. Corrían os anos 50, aínda baixo o franquismo, e o seu foi un atrevemento de afirmación e resistencia cultural.

Sue Ellen bébeda é outra cousa. En primeiro lugar, un produto de masas e, daquela, cunha repercusión que transcendeu o círculo da intelectualidade. Eu era nena e non vin Dallas naquela altura, mais lembro as conversas do día seguinte a esa emisión, convertida en tema inevitable. Por que calou tan fondamente precisamente esa expresión? «Bébedo/a» é unha palabra ben galega, que todas as persoas recoñecían. Pero bébedo é algo que asociabamos á taberna, ao bar da esquina, sobre todo en masculino, a algún Paco ou Pepe; non a unha norteamericana de clase alta de nome Sue Ellen. Asociamos as linguas —por mero hábito— a contextos, e as palabras cárganse de connotacións que van alén do seu significado denotativo básico. Estendelas xera unha desestabilización, obríganos a enfrontarnos aos nosos prexuízos, case sempre carentes de sustento lóxico.

Toda lingua é manifestación dunha marabillosa capacidade humana universal: a linguaxe; e cada unha delas é quen de expresar a sutileza e a brutalidade, é válida para a poesía e para o insulto; para a delicadeza e a procacidade. O galego foi, na Idade Media, lingua de reis, idioma lírico por excelencia; logo reducírono a lingua de campesiños e do cotián. «Estás bébeda, Sue Ellen» desafiou ambos prexuízos. Demostrou que era un idioma coma todos, capaz de expresar un desprezo patriarcal concibido orixinalmente na outra beira do océano, nunha cultura afastada. Marcou unha época. Expresa, coma ningún outro fito, a ruptura definitiva dos lindes que se lle impuxeran a unha lingua. Mudaban as mulleres. Mudaban os tempos. Fixo a Sue Ellen nosa.