No día festivo, o grande de Galicia, comezou a minguar o lixo na cidade da Coruña. Non foi a resposta ás pregarias ao Santo Apóstolo, senón consecuencia de declarar o estado de emerxencia na cidade. Os novos servizos de limpeza traballaban escoltados pola policía local, pero aseguraron realizar o servizo con normalidade e, ademais, co agradecemento dos veciños.
Estoulles moi contenta de poder camiñar máis cómoda polas rúas da cidade, sen necesidade de sortear cartóns, refugallo de comida, bolsas, gaivotas e cheirumes. E mesas de noites, cabeceiros de cama, tulipas de lámpadas que voaban dunha rúa a outra... Por iso me sorprende tanto o agradecemento dos veciños. Porque, en xeral, non contribuíron a manter a salubridade. É tan necesario sacar de diante a caixa do calefactor? A botella de auga que rematamos onte? Non digo que as tendas que teñen embalaxes que non caben no almacén non os leven ao contedor, pero tropecei con cadeiras, somieres, mesas auxiliares...
Amais da pouca responsabilidade social da veciñanza, quedoume claro tamén que falta moito por aprender en canto a reciclaxe. Ao rebordar os contedores e quedar as tapas abertas, obsérvase como está todo remexido. Coincidiume ver unha camareira levar as caixas de cartón baleiras de bebidas ao contedor amarelo. Estiven por berrarlle: ao azul! Tan pouco sabemos?
Vaia, que queremos que nos limpen todo ben, pero o de axudar nós no mantemento... xa está máis complicado. Deberiamos reflexionar, pois o lixo da cidade tamén somos nós.