Claroscuros do porvir urbano

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Cruzamento naturalizado no Ensanche barcelonés.
Cruzamento naturalizado no Ensanche barcelonés. X. ESTÉVEZ

12 nov 2024 . Actualizado a las 18:10 h.

Barcelona segue a ser un modelo de cidade ben planificada, debuxada con lapis fino, pensada para vivir e pasear falando coa xente, visitar as novas arquitecturas, pisar os cruces da cuadrícula de Cerdà convertidos hoxe en zonas peonís e «naturalizadas».

Durante a alcaldía de Maragall, Barcelona compartiu con Santiago prácticas urbanísticas encamiñadas a limitar a dispersión apostando pola cidade compacta, vincular os investimentos en infraestruturas coa expansión urbana, iluminar as sombras dos barrios marxinados... Medidas baseadas nun planeamento do si e do non que procuraba a conciliación do público e o privado; se non se soubera dicir non, Santiago carecería das amplas zonas verdes que rodean a cidade histórica.

O concepto clásico do urbanismo como a cultura da construción de cidades equilibradas debe plasmarse no planeamento que ao mesmo tempo que debuxa a rehabilitación da cidade construída, programa as zonas de crecemento. Pois ben, o planeamento como fórmula de reparto de obrigas e beneficios, que tanto custou implantar despois da barbarie dos anos 1970, estase poñendo en cuestión co argumento de que é un corsé. Teño a sensación de que o urbanismo está quedando reducido a unha ciencia que analiza o pasado das cidades, a súa historia, á que se lle van engadindo epítetos a discreción: sustentable, táctico, ético, diverso, amparados en estudos sectoriais desconectados entre si.

Diríase que con estas palabras máxicas estase xerando un novo movemento de fuxida da cidade compacta, como o que historicamente empurrou sectores da poboación a crear unha suburbia elitista, deixando atrás os tristes suburbios dos outros. Este modelo tan americano acadou fortuna en Europa e mesmo os países nórdicos practican esa forma de crecemento espallado.

Mentres non se aclare o que se entende por urbanismo do século XXI, convén poñer sobre a mesa todos os factores que inciden na cidade mediante unha urbanoloxía que analice e mesture, como nun cóctel ben combinado, os binomios difíciles como mobilidade mecánica e peonil, turismo e cidadanía, clima e saúde, vivenda e segregación social, feminismo e liberdade de uso da cidade…

Ao fío destas reflexións, a península Ibérica estase dividindo en dúas rexións climáticas, a meridional, máis ampla e calorosa, e o oasis da banda setentrional, no que estamos insertos. En Galicia, á que se dirixen as expectativas inmobiliarias, debemos ter presente que as vastas terras protexidas veñen ser unha carta constitucional do país, un vector esencial da nosa identidade.