A velocidade do disco solar

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

CAPTURA DE VÍDEO

29 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Arredor dos días 17 de maio (das Letras Galegas) e 25 de xullo (día de Santiago) prodúcese unha curiosa circunstancia: o amencer no extremo do Kumano Kodo (o camiño espiritual dos xaponeses), na cidade de Nachikatsuura, ten lugar ao mesmo tempo que o solpor no seu análogo europeo, o Camiño de Santiago, na Costa da Morte. Ámbolos dous camiños foron declarados patrimonio da humanidade pola Unesco e, ademais, están irmandados dende 1998. Sobre esas bases concibiuse unha videoconferencia entre Nachikatsuura e Fisterra, que tivo lugar hai uns días. A potencia estética das imaxes (vendo emerxer o disco solar sobre o océano Pacífico ao mesmo tempo que se oculta sobre o Atlántico), a significación das datas para Galicia e a do amencer para Xapón (o país do sol nacente) fixeron que a súa difusión mediática (tanto en Xapón como en España) e acollida entre o público fosen moi notables.

O máxico momento permitiu tamén observar outros feitos: por exemplo, como o disco solar á latitude de Nachikatsuura (34º N) tardou 2 minutos 50 segundos en emerxer, mentres que á latitude de Fisterra (43º N) tardou uns 3 minutos 10 segundos en ser engulido polo horizonte atlántico. Dende a Terra vemos o disco solar cunha amplitude de 0.5º de arco; como a Terra dá unha volta sobre si mesma (360º) en 24 horas, en principio o disco solar debería tardar só uns 2 minutos en emerxer e ser engulido. ¿Que ocorre? Pois que a traxectoria do sol sobre os respectivos ceos vai inclinada respecto aos dous horizontes, e máis inclinada no horizonte da Costa da Morte que na de Nachikatsuura.