Poeta inédito do XIII

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

XOAN A. SOLER

09 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Chámase Breixo de Rábade e escribiu, no ano 1281, unha intrigante e fermosa cantiga de amigo, o único texto que coñecemos deste inesperado trobador. O achado non se exhuma nun libro erudito senón nun relato novelesco (ensaístico-novelesco) que o seu autor, o biólogo Miguel Anxo Murado García (Lugo, 1945), titulou A cantiga da burata (Medulia).

O escenario da novela é a cidade de Lugo, nomeadamente a muralla, onde, nunha vella casa achegada a ela, alguén atopou, nunha burata, os 24 versos da canción, auténtica na opinión dos eruditos. Este alguén é unha muller granadina xa non nova que, de moza —fora moza de alterne en casa afamada de Lugo— quedou engaiolada oíndo Recuerdos de la Alhambra, de Tárrega, a un guitarrista moi noviño que, pasado un tempo, acadaría sona polas súas investigacións como biólogo.

Murado, brillante na creación e na interpretación da cantiga, constrúe un relato, alén de filolóxico, ateigado de señardades, as que el sente ao ir ao Lugo da infancia. O relato tamén é, ou está a punto de ser, unha noveliña de amor, pois ela, a granadina, é dona —aclara o narrador— «dun mirar múltiple, heteróclito e turbador—, adxectivos cos que finaliza o relato.

A narración é obra dun escritor deliberadamente barroco, máis conceptista que culterano, cun inmenso caudal léxico enxebre á beira de ducias de termos cultos, científicos e humanísticos, que proban que ciencias e letras van de mans dadas neste peculiar biólogo. E aquí e alí, notas reveladoras sobre «o mirar polisémico» dela, a propietaria deste novo Vindel, deste pergameo case revolucionario.

O ensaísta Miguel Anxo Murado ilústranos, velis nolis, sobre asuntos moi distintos: desde como cómpre organizar os departamentos universitarios ata atreverse a formular reservas á xefa do departamento de Galego do campus de Lugo verbo da súa interpretación dos versos de Breixo de Rábade. Murado, sempre, en clave antireaccionaria, coas utopías. Léase o prólogo de Xabier Paz. Son tales as orixinalidades e os acertos deste relato que non é moi arriscado suxerir que estamos, nas nosas letras, ante un novo xénero de contar.