Nada por aquí...

Pedro Puy
Pedro Puy DIARIO DUN CASE ESCÉPTICO

OPINIÓN

ANDREU DALMAU | EFE

11 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Ía camiñando cara ao Parlamento e desapareceu coma por arte de maxia. Logo soubemos que para o truco non utilizou un sombreiro de copa senón un máis humilde de palla. Pero aí estivemos todos, e parte do estranxeiro, unanimemente engaiolados pola capacidade de distracción de quen, en directo e diante de cámaras e policías, esvaeceuse sen que ninguén o notase.

A manobra de escapismo facilitou o desenvolvemento da sesión de investidura do candidato á Presidencia da Generalitat, Salvador Illa. Nun breve pero significativo discurso aclarou que os acordos asinados coa esquerda nacionalista só son de investidura e non de lexislatura; comprometeuse a cumprilos integramente; e defendeu o financiamento «singular» para a súa comunidade autónoma pactado cos independentistas de ERC, «un paso adiante substancial e necesario» para o autogoberno dunha «nación aberta, plural e diversa, que se implica na construción dunha España plurinacional e unha Europa federal».

Ao igual que a desaparición de Puigdemont, houbo unanimidade académica na crítica ao contido financeiro do pacto entre o PSC e ERC. Porque, do mesmo xeito que os ilusionistas coñecen esas características comúns á capacidade de observación humana que lles permiten facer pasar por real o que non o é, os facendistas profesionais tamén comparten, máis aló das súas preferencias ideolóxicas, unha serie de principios básicos que os fan reaccionar por igual de forma natural. Entre estes, que os mercados xeran riqueza pero a distribúen de xeito desigual, e que polo tanto os procesos de redistribución que os corrixen (mesmo con independencia das distintas opinións que hai sobre a intensidade desa redistribución) deben adoptarse no mesmo marco territorial no que se crea e reparte esa riqueza de forma desigual. Por iso a redistribución persoal e interterritorial é tradicionalmente unha competencia estatal, que lentamente ímos elevando ao nivel europeo (o paso definitivo cara á federalización da UE) e mesmo internacional (coa introdución de impostos globais). Que un territorio no que se concentran cidadáns de maior renda, que obteñen nun mercado que foi e é máis amplo que o propio territorio, rache cos fluxos redistributivos homoxéneos do Estado do que forman parte é contrario aos principios máis elementais da ciencia da facenda e particulamente das facendas federais. De aí a unanimidade doctrinal e ideoloxicamente transversal na crítica ao acordo entre socialistas e independentistas.

Un bo prestidixitador é capaz de distraer a atención do público e crear a ilusión de que pasou o que en realidade non pode pasar na orde natural das cousas. Puigdemont conseguiu distraer a atención de todos. Pero tamén distraer a atención debida ao discurso do xa presidente Illa, que se autodefine como constitucionalista, socialdemócrata e federalista. Nel comprometeuse solemnemente a modificar de forma substancial o bloque de constitucionalidade, e precisamente en relación coa dimensión redistributiva que facilitou, no seu día, o consenso constitucional. No seu Verbolario, Rodrigo Cortés define distraer como o «obxectivo encomiable do mago e do carterista». Nada por aquí…. e o que é moito peor, nada por alá.