Asistimos o 24 e o 25 de xullo ás festas do apóstolo Santiago, de Galicia e dos camiñantes ecuménicos. A recepción municipal da noite do 24 que nos reuniu na terraza posterior do pazo de Raxoi resultou un tanto triste, a pesar do fermoso espectáculo dos fogos descentralizados, de costas ao cívico Obradoiro, que permanecía en penumbra, percorrido por cidadáns e visitantes despistados. Antes de que a Covid-19 afectara ás nosas habilidades sociais, a recepción reunía a Corporación, a Xunta e a administración do Estado con cidadáns e representacións veciñais e empresariais para saudarse e conversar, en vez de limitarse a ser espectadores absortos da luzaría. Aqueles encontros daban pé ao inicio de acordos institucionais no seo do Real Padroado de Santiago. Quen me ía dicir que chegaría a botar de menos unha tradición que iría evolucionando para substituír prácticas imposibles de manter, os morteiros e a fachada pirotécnica, a masificación na praza, por luz, música e normas de seguridade.
O día 25 amañeceu prístino, coas autoridades aliñadas, a parada da tropa e o himno de España. Na Ofrenda ao Apóstolo participan tanto crentes como non crentes, enlazados por unha espiritualidade alentada polo coidado protocolo e o cerimonial da liturxia. Alí escoitamos falar do que nos atinxe a todos, as guerras, o dereito á existencia en paz, a xustiza e a igualdade, a presión migratoria e o humanismo, a insoportable violencia de xénero, a protección do medio e a actividade económica. De par da sobriedade do Dum paterfamilias, resoa pomposo o himno ao Apóstolo, que case ninguén canta xa porque se perdeu a memoria dos versos de Barcia Caballero. Mentres, na praza da Quintana, o nacionalismo maniféstase con absoluta normalidade. Todos cabemos, porque a concertación dos contrarios é a clave da convivencia.
Pola tarde, a misa de Rosalía en Bonaval, que naceu dunha iniciativa civil, reúne os que no día a día disque son adversarios. A última hora a alcaldesa convida, esta vez por unanimidade dos grupos municipais, á Alba de Compostela, un acto creado polo seu empeño persoal no que, evocando o famoso discurso de Castelao, se recoñecen os méritos de membros senlleiros da sociedade local. Penso que un exceso de referencias ao insigne político e artista pode limitar a posta ao día do galeguismo do século XXI.
Polo que puiden comprobar e logo teño lido e escoitado, as Festas do Apóstolo 2024 estiveron ben, aínda que, na miña opinión, os grandes actos deberían emanar sempre do Obradoiro.