Aracelis

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

15 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

quince de agosto chovía alegría con abrazos, trenzados, intensos. A casa enchíase de tíos, primos e demais familia. A avoa peiteaba o seu cabelo gris. De loba gris coidando, mimando, acariñando aos seus lobatos. A avoa sempre arrecendía a herba húmida. Ou a flores de lavanda. A limpo: por dentro e por fóra. Tiña a pel engurrada. A das mans. O rostro sempre foi donde, terso, lindo. O primo Gerardo investigou nos arquivos parroquiais e sabemos, grazas a el, que morreu con noventa e seis anos. Non cos oitenta e cinco que figuraban na nota necrolóxica daquel decembro frío de 1985. Sentaba no fronte da mesa. O seu fulgor iluminaba a estancia. Lembro a avoa Araceli e non podo evitar a emoción. Son as emocións as que moven o mundo. O resto, banal. A min emocióname aínda o quince de agosto. Co seu ruido de caballitos e orquestras bañadas en pasodobre e merengue. Na casa a felicidade era un credo. O tío Carlos contaba venturas e desventuras de Alemania. A tía Luisa e o tío Pepe, tamén. Os primos eran unha mazurca de rebumbio. Confeso que houbo algún quince de agosto con sabor a tristeza. Pero non o recordo. Todos teñen sabor a ti, mamá. Á avoa. Todas Aracelis. Queda o nome aínda danzando nunha boa parte da familia. Hoxe haberá que celebralo. A golpe de lembranzas. O pozo onde enfriabamos a bebida. As empanadas. O cabrito asado. O pan do forno do Ricardo. O roscón da señora Felicitas. O tío Gerardo cantando, xa de noite, debaixo do balcón. E despois de cantar a avoa e a mamá dicían: «Vaite deitar, Gerardo». E el marchaba empuxando a súa bicicleta. Aracelis. Hoxe brindarei por todas. As que están e as que seguen, cos seus dedos invisibles, aloumiñando as nosas risas.