«Dáme unha irmandiña»

Rodri García QUE PASOU?

OPINIÓN

JOSÉ PARDO

16 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Na cola escoitouse: «Dáme unha irmandiña». O pedido sorprendeu ao cliente do lado porque para as xentes de Moeche todo o vencellado cos irmandiños pon en alerta. Estes días andan co 45 Festival Irmandiño, ese que empezou entre as ruínas dun castelo que hoxe, reconstruído, é de visita obrigada. Xa se ve que non é un festival máis: entre festa, música e lume son quen de empuxar a restauración do castelo medieval. A celebración evoca a que, como conta o historiador Emilio González López, foi unha das primeiras revoltas europeas.

Máis de cinco séculos despois, os irmandiños asaltan de novo Galicia. O movemento medieval dá nome a selección galega de fútbol, a Irmandiña; en A Rochela-Ribadeo está a cooperativa agrícola Os Irmandiños, un dos piares de Clun [Cooperativas Lácteas Unidas], e un xogo de rol da empresa Realidad Virtual recrea as revoltas irmandiñas.

Vimianzo, xunto con Pontedeume, Monforte e moitos outros lugares de Galicia, é territorio irmandiño, xa que, como escribía Xosé Ameixeiras neste xornal, «un día, al pueblo se le ocurrió resucitar la vieja revuelta». A conexión medrou tanto que ata en Barcelona saben que teñen a Peña Barcelonista Irmandiña de Vimianzo.

No fútbol gaélico, a selección masculina galega tamén é coñecida como a Irmandiña, e os concellos de San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Somozas puxeron en marcha a Escola de Fútbol Irmandiños.

O nome da revolta tamén entrou na política galega cando Xosé Manuel Beiras Torrado encabezou unha corrente crítica dentro do BNG baixo o nome de Encontro Irmandiño. En 2012 abandonaría a formación para crear A Nova-Irmandade Nacionalista.

E irmandiñas eran aquelas 200 mulleres que formaban parte das Irmandades de Fala da Coruña, con Elvira Bao a cabeza. Á súa historia, e aos seus silencios, deulles voz Aurora Marco no libro Irmandiñas (Laiovento). No eido cultural tamén entrou esa revolta, xa que Quique Peón é o autor do espectáculo O poder do arcabuz, un musical que recrea a revolución irmandiña con case un cento de artistas. E os irmandiños asaltaron o cómic da man de Manel Cráneo, o director de Viñetas do Atlántico, contando a súa historia en Os lobos de Moeche (Demo Editorial).

E, aínda que se movían terra dentro, a dorna Irmandiña é pioneira no mar, viaxando do Grove ata San Sebastián ou ata La Rochelle, en Francia, cos seus escasos dez metros de eslora.

Pero a maior mostra de que os irmandiños están de volta é a resposta a aquela petición de «dáme unha irmandiña». A panadeira da Coruña deulle unha barra de pan e explicou que algúns clientes lle chaman barra artesá e outros irmandiña. Esta última é a que figura no ordenador desta panadería.

Os irmandiños están aquí de novo e traen o pan de cada día.