Puigdemont «és collonut»

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

17 ago 2024 . Actualizado a las 09:28 h.

Vou contra corrente, seino; pero a min Puigdemont paréceme collonut. Coido que Puigdemont és collonut porque outro con esa pinta, que recorda a Fofó e a Charlie Rivel traxeados en azul, sentiríase ridículo e non ousaría saír de casa; en troques, el —o Puchi para os íntimos— saíu, meteuse en política, montou o esperpento do procés, exiliouse en Waterloo e recentemente tornou a Barcelona para exercer una miqueta de tocapilotes e desaparecer en un vist no vist que Houdini envexaría.

O españolismo ódiao ferozmente e, como o odio cega, malentende as súas accións. Non hai día en que non o acuse de covarde por fuxir despois do desastre do procés no maleteiro dun coche. Eu discrepo e, onde o españolismo ve covardía, vexo sacrificio, heroicidade e patriotismo. Imaxino a Puigdemont ollando o maleteiro e meditando se El Molt Honorable President de Catalunya, que prefire gobernar unha hora en pé que toda a vida de xeonllos, pode viaxar como un saco de patacas sen perder a dignidade. Como Hamlet, tamén Puigdemont se preguntou naquel tráxico transo polo propio ser ou non ser, pero pensou no Francesc Macià exiliado en Francia a quen tantas veces deran coas portas nos fociños, sen se render xamais; no Companys que en 1937 fixo de tripas corazón e dixo nun mitin en Madrid «Madrileños, Catalunya os ama»; e lanzouse ao maleteiro. Aquela noite, Puchi demostrou valor sublime e enorme coraxe política.

O españolismo tamén cualifica de «fugas» as brillantes desaparicións de Puigdemont para abaixalo e poñelo ao nivel de el Pastilla e el Piojo, fugados dos cárceres de Alcalá Meco e Valdemoro. É mala baba. Os mutis do Puchi non son comparábeis nin sequera coa fuga mítica de Eleuterio Sánchez, el Lute, que tivo os españois ao asexo no franquismo. Con Puigdemont non procede falar de fugas, senón de «evasións», e, se os mandos dos Mossos tivesen máis cultura cinematográfica e coñecesen a película Evasión o victoria, a operación Jaula, programada para detelo discretamente en Barcelona, non fracasaría. Nos poucos minutos que durou a súa actuación Puchi foi o Sylvester Stallone que parou o penalti e o Pelé que meteu o gol de chilena. Dixo o que quixo e, coma o equipo dos aliados na película, desapareceu entre os seareiros que invadiron a cancha. Camiño de Waterloo, mentres el e os fieis brindaban con cava da República Catalana, afirmou sorrindo de orella a orella: «Veni, vidi, vici». E era certo.

Hai máis. Desde o Cid Campeador ao xeneral lord Gort, heroe da Segunda Guerra Mundial, os xenios militares practicaron a táctica de ataque e retirada, tamén chamada «de golpe e fuga». Puigdemont levouna á política e retírase para volver e volve, e volve, e volve… E, por incrible que resulte, sempre hai quen o siga e o vote. És collonut.