Son de agosto

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Martina Miser

25 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Son de agosto. Non sei se ten algo que ver nacer neste mes, que ten un aquel especial para min.

Agosto é a retirada, o recollemento. A néboa húmida sobre a area da praia, o orballo das noites, as nubes do ceo. Anuncia o remate do verán e as vacacións (para quen as teña, claro), o fin de festa, das romarías, das verbenas... o cambio de menú.

Máis ca un tempo, é un sentimento. Ata pode converterse nun xeito de entender a vida. Asocio este mes con temperaturas tépedas, os solpores tardíos, os días cada vez máis curtos. Asolágao todo unha pátina de tristura, como se permanentemente algo se estivese extinguindo e chegásemos a eses últimos momentos nos que tan só dá tempo á despedida. É un apagar de focos necesario.

Nas festas da patroa cada vez hai menos xente arredor da mesa. Na procesión, na verbena, na banda da música, cada vez menos amigos, que foron desaparecendo polo camiño. Faise un nó na gorxa. É duro sentir o alento da soidade na caluga. Aínda así, hai unha forza que nos move a estar na casa, volver ás raíces, buscar ese arrolo que algúns lugares nos dan. Obrigámonos a crer que, dalgún xeito, manter as tradicións retén a memoria do que xa se foi. E ata os amigos da infancia se nos amosan nítidos no maxín.

Porque, pese a todo, agosto sempre é agosto, o que apaga a música a todo volume das orquestras e charangas, dando paso ao silencio. E está aí, xa non sei se para salvarnos pero, cando menos, para reconciliarnos un pouco co mundo ou nós mesmos. Así, deséxovos un feliz agosto.