
Verán, tempo de churrasco. «Moi contento e feliz» mostrouse o presidente Sánchez non por participar nunha churrascada, senón por dar «un paso na federalización do Estado autonómico… unha moi boa noticia para o Estado autonómico», tras o acordo entre os socialistas cataláns e os independentistas de Esquerra que permitiron a investidura de Illa.
Os politólogos contemporáneos coinciden en sinalar as características comúns aos estados federais, dentro da ampla variedade de sistemas deste tipo que no mundo hai, e que os diferencian da mera descentralización político-administrativa: cada nivel de goberno elixe democraticamente aos seus líderes; cada nivel de goberno ten atribuídas competencias para o desenvolvemento de políticas propias e recursos para financialas; os niveis competenciais dos entes subcentrais (chámense estados, cantóns, landers ou rexións) son basicamente os mesmos; existen mecanismos específicos de integración da vontade dos entes subcentrais e o central (unha cámara de representación territorial ou as conferencias de presidentes) e institucións neutrais para a resolución de conflitos competenciais entre o poder central e os subcentrais (como o Tribunal Constitucional); e unha redistribución dos recursos non só persoal, senón tamén territorial. E hai un certo consenso doutrinal na diferenciación entre o que é unha federación, na que o poder central pode tomar autonomamente decisións no seu ámbito competencial; e unha confederación, na que as decisións do conxunto precisan do plácet de todas e cada unha das entidades integradas na confederación. Non resulta difícil comprender por que os constitucionalistas españois consideran que o noso Estado das autonomías é xa, coas súas imperfeccións, un sistema político federal en todo menos no nome, construído a partir dun Estado fortemente centralizado, como adoita lembrar o profesor Blanco Valdés nestas páxinas.
Coincidindo no tempo coas declaracións do presidente Sánchez, producise o infeliz pasamento do profesor Puy Muñoz (e grazas a tantas persoas que nos achegaron o seu agarimo e pesar). Del aprendín, hai xa moitos anos, tantos como os que ten a súa Tópica xurídica (1984), que a forza retórica do termo «federalismo» está asociada ao seu significado. Federalismo vén de foedus, ou pactos que asinaban dous pobos que deixaban de pelexar, e que para dar mostra da fidelidade ao pactado sacrificaban e asaban porcos (Virxilio na Eneida: «Et caessa iungebant foedera porca», e os porcos sacrificados enlazaban as alianzas). O fedor dos porcos sacrificados alertaba os deuses nas alturas, converténdoos en testemuñas e garantes do pacto.
De cumprirse o acordo entre Esquerra e os socialistas, non camiñaremos cara a unha maior federalización, senón cara á súa deconstrución. Como pouco, cara a unha confederalización. Iso si, o pacto entre os socialistas e ERC permitirá polo momento ao seu inquilino seguir desfrutando dos seus churrascos na Moncloa. Ata que os deuses, que en democracia son os cidadáns, non lle pasen factura por ter vulnerado outro pacto, previo e moito máis inclusivo: o do 6 de decembro de 1978. A data do mellor porco á brasa nunca feito en España.