A regulación do turismo é un asunto complexo. Malo se non nos visita ninguén e non se producen ingresos extra, malo se se nos colapsa o lugar porque se dificulta a convivencia. Coma con case todo, na moderación reside a virtude, pero chegar a un acordo para lograla é complicado. É necesario unha cita para todo?
Non me gustan nada algúns dos sobrenomes que se lles dá aos turistas. A min, se son respectuosos, non me molestan. E, por suposto, hainos agradables e desagradables, pero non se pode xeneralizar sen máis. De facelo, ademais, prefiro quedar coas bondades deles.
Chegado aquí, entendo que a veciñanza se poida sentir invadida, agredida e ata desprazada, en especial naqueles casos nos que os visitantes saltan as normas de convivencia. Querer expresalo é natural, incluso rebelarse. As formas toman especial relevancia neste caso.
Que lles parecería, en lugar de insultos, chamar a atención de maneira intelixente e ata retranqueira? É o que me ven á cabeza logo de ver como máis de medio cento de veciños de O Hío se puxeron a cruzar un paso de cebra. Unha e outra vez, unha e outra vez... chegando a colapsar o tráfico.
E por que? Porque nos últimos días vén sendo habitual que algunhas persoas lles tapen a entrada á casa, deixen o coche en lugares perigosos e incluso invadan as beirarrúas. Seguramente, a maior parte dos afectados non tiñan culpa ningunha, pero non me digan que non é unha protesta orixinal. Insisten en que non lles molesta o turismo, só as persoas irresponsables.