Este verán, unha vez máis, a Autoestrada do Atlántico, a principal arteria de comunicación de Galicia, converteuse nun embudo de desesperación debido a varios accidentes que colapsaron o tráfico. Este tipo de incidentes, aínda que imprevistos, achegan cuestións fundamentais sobre a xestión do tráfico na nosa comunidade. Entre elas, a máis evidente: ¿por que non se anulou a peaxe para os afectados polos atascos? Pero o problema vai moito máis alá desta omisión. O que realmente preocupa é a pésima xestión do tráfico por parte das administracións competentes, un fallo que quedou ao descuberto nun dos períodos máis críticos do ano.
Coa chegada do verán, as estradas énchense de vehículos. Millóns de persoas lánzanse a desfrutar do seu tempo libre, sumándose ao tráfico habitual dos que traballan e ao vital fluxo de mercadorías que abastece o noso país. Segundo os datos, en moitas estradas o tráfico en xullo e agosto aumenta entre un 20 % e un 30 % (aínda máis nas zonas máis turísticas), o que fai inevitable a necesidade de operativos especiais. Estes deben ser eficaces e contar cun despregamento de recursos que estea á altura das circunstancias.
Porén, este encomiable esforzo vese comprometido por moitos factores e, especialmente, os accidentes e as obras. Ámbolos dous son inevitables, pero o seu impacto pode e debe ser mitigado cunha xestión adecuada. Lamentablemente, este verán en Galicia esa xestión brillou pola súa ausencia.
Os accidentes son, por definición, imprevisibles, e é comprensible que a prioridade sexa sempre a atención ás vítimas e á seguridade dos demais usuarios. Sen embargo, isto non exime ás autoridades de actuar con celeridade e eficacia. É imprescindible ter protocolos claros que aseguren unha rápida resposta, informen adecuadamente aos condutores e ofrezan rutas alternativas. Este verán, os accidentes na ponte de Rande demostraron unha alarmante falta de previsión: os paneis de mensaxería variable permaneceron en silencio durante horas, sen informar da situación nin das rutas alternativas ata que era demasiado tarde, deixando aos condutores atrapados en atascos de horas.
As obras, por outro lado, son actuacións planificadas, cun calendario flexible que se debería adaptar para minimizar as molestias. Non é aceptable que estas melloras se leven a cabo en momentos de máxima afluencia de tráfico como sucedeu este verán nas autovías A-52 e A-6. Realizar cortes de carril nun venres de agosto ás 14.00 horas, en lugar de optar por horarios nocturnos, é simplemente unha mostra dunha planificación deficiente que afecta tanto aos cidadáns como ás empresas.
Estas fallas na xestión do tráfico non son cuestións menores. Teñen un impacto directo na calidade de vida dos galegos e, de maneira crucial, na competitividade das nosas empresas. É nestas situacións onde se pon a proba a capacidade dos nosos responsables e mandos intermedios para xestionar.
É hora de que os ministerios responsables reflexionen e adopten medidas que eviten repetir os erros deste verán, porque o que está en xogo non é só a paciencia dos condutores, senón a eficiencia de todo un sector económico que depende dun tráfico fluído e ben xestionado.