En nome do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia e no meu propio quero facerlles chegar as máis sentidas condolencias polo falecemento de Santiago Rey Fernández-Latorre. Durante seis décadas estivo á fronte do maior diario de Galicia, conseguindo situalo entre os máis relevantes do panorama estatal. Para conseguilo non estivo só. Como non cansaba de repetir, el tiña «o mellor equipo», as traballadoras e traballadores do Grupo Voz, a quen tamén quero facer chegar unha mensaxe de gran cariño. Coa súa entrega e profesionalidade, seguirán levando adiante o soño de Santiago Rey de ser «a voz» de Galicia, exercendo o que propio editor cualificou como «o oficio máis nobre do mundo».
Nunha sociedade tan tecnificada coma a nosa, constantemente bombardeada de mensaxes e onde cada vez é máis complicado distinguir a información veraz da manipulación, é imprescindible contar con referentes informativos serios e rigorosos, imprescindibles para que poidamos gozar dunha boa saúde democrática. Desde aquí, todo o noso afecto ás persoas que o farán posible.