En Galicia vivimos 2.700.000 persoas. Delas, 120.000 son maiores de 65 anos que viven soas. Aproximadamente, representan un 4,5 % da poboación, unha porcentaxe nada desprezable.
Na última semana, na provincia da Coruña, atopáronse cinco cadáveres de persoas que levaban algún tempo falecidas dentro das súas vivendas. Pertencían a ese grupo que acabo de nomear.
Deron cos corpos porque os veciños, conscientes de que levaban un tempo sen velos, sentiron o cheiro da desgraza á porta dos inmobles. Ou, simplemente, porque quen arrendaba o piso a algún deles levaba un ano sen saber absolutamente nada de quen ocupaba a súa propiedade. Entendo que a transferencia do alugueiro chegaba puntual á conta e iso relaxaba a preocupación.
Ás veces, necesito intimidade e soidade. Busco o silencio cando me custa escoitar a propia voz. Pero sei que hai unha lexión de xente que, se deixase de dar sinais de vida, correría para buscarme co corazón encollido pola preocupación.
Cada vez que me recriminen non responder unha mensaxe ou chamada, tratarei de converter a ansiedade que me provoca en agradecemento.
Galicia é un país de maiores. Persoas que nos coidaron e mantiveron o lugar en pé cando non viñan ben dadas. Algúns, máis dos que imaxinamos, son o sustento de familias, a pesar de non ter fillos. Sobriños, afillados...
Non se pode obrigar a ninguén a coidar de outra persoa. Pero como sociedade, si nos debemos a esta responsabilidade. É triste morrer só sen ter a quen pedir SOS. Hai mortes que ata puideron evitarse.