Financiamento singular e concerto para Cataluña

manuel monge SOCIÓLOGO

OPINIÓN

ESTHER TABOADA

06 sep 2024 . Actualizado a las 12:19 h.

Que ninguén se sorprenda. Puigdemont militaba desde 1983 en CDC, partido de Jordi Pujol, que participaba na coalición CiU e, xuntamente co voto de PNV e CC, deron a Aznar a presidencia do Goberno despois das eleccións xerais de 3 de marzo de 1996. Non foi un acordo puntual, senón unha política de longo alcance e por iso o PP devolvía o favor e co seu voto, que era decisivo, investía a Pujol como presidente da Generalitat nas eleccións de 1999.

O nacionalismo catalán conseguía do PP contraprestacións para Cataluña, que Pujol cifraba en 400.000 millóns de pesetas no período 1996-2000; entre outras: o 30 % do IRPF (o Goberno de Felipe González xa cedera en 1993 o 15 % para conseguir a súa investidura), o 10 % de patrimonio, sucesións e xogo. Daquela, ninguén falaba de que ese acordo era un atentado contra a Constitución.

Se alguén ten mérito no «invento» do financiamento singular é o PP de Cataluña porque a súa presidenta Alicia Sánchez-Camacho propuña en maio de 2012 un «financiamento singular e finalista». Xa en 2013, cando CiU e ERC presentaban unha proposta sobre o dereito a decidir, o PP de Cataluña rexistraba no Parlament unha alternativa e ofrecía a Artur Mas, presidente da Generalitat, un pacto fiscal, cesión de máis impostos a Cataluña e creación dunha Facenda propia: «Novo sistema de financiamento singular para Cataluña, que representa un modelo propio, con capacidade normativa»; incremento do número de impostos cedidos, así como a participación de Cataluña na cesta de impostos estatais; respectar o principio de «ordinalidade» para «garantir o mantemento da posición de Cataluña respecto á súa propia renda per cápita, despois de aplicar os mecanismos de nivelación». Por outra parte, as achegas de Cataluña ao resto de comunidades deberían ter carácter «finalista para non prexudicar a capacidade de crecer e competir da economía catalá».

O tema do concerto tampouco é nada novo porque Feijoo xa falaba en novembro de 2016 dun «concerto catalán» na súa conferencia no Círculo de Economía de Barcelona ante unha numerosa representación empresarial: «No es fácil de explicar que a Cataluña no se le dé un concierto económico cuando lo tienen vascos y navarros. Y estoy de acuerdo. Estas cosas se pueden cambiar, plantear y discutir. El problema es cómo nos ponemos de acuerdo en los contenidos del concierto, cómo se mide y qué se pondera». E concluía: «Sin capacidad financiera no hay autogobierno». Oito anos despois, cando PSC e ERC chegan a un acordo para a investidura de Salvador Illa, que inclúe financiamento singular e concerto económico para Cataluña, Feijoo declara que Pedro Sánchez «ha sacado el Estado de Cataluña», e fala de «indignidad del Gobierno». Os partidos políticos teñen dereito a cambiar de política, pero deberían explicar eses cambios. En todo caso, O PP estaría disposto a facer causa común co BNG para que Galiza teña o mesmo trato que Euskadi e Cataluña, que son as outras dúas nacionalidades históricas recollidas na Constitución?