Nenos ao cole, non papás

María Canosa
maría Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

NACHO GALLEGO | EFE

07 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Comeza o curso. Ollo! Para a rapazada. E os docentes, claro. Os pais, maiormente as nais, temos suficiente con mercar o material, os libros, o calzado... Vaia, a intendencia, que non é pouco. E facer crebacabezas para poder levalos a todas as actividades extraescolares nas que os matriculamos. Non é broma: a tarefa complícase en exceso cando hai máis dun pícaro na familia. Tamén asistir ás reunións de inicio de curso e... fin. Aí remata o noso cometido. A ver se este curso o aprendemos ben.

Non temos que facerlles os traballos de clase. Non debemos decorar as cabazas para o Samaín. Non podemos redactar tres páxinas sobre o funcionamento do corpo humano. Evitemos buscar o significado das palabras que non coñecen en inglés. É cousa deles. Tampouco deberiamos preparar a mochila o día anterior chegada certa idade, nin revisar a axenda. Moito menos lerlle os libros de lectura e facerlles un resumo.

Somos pais e nais. Deixamos de ser alumnado hai moito tempo. Daquela, os nosos proxenitores non andaban detrás de nós preocupados por se había deberes. Moito menos botaban horas enteiras explicándonos os temas nin repetíndonos os conceptos logo de que botásemos toda a semana distraídos sen amosar o mínimo interese. Supoñíasenos responsabilidade.

Claro que podemos axudar, pero non facelo todo por eles. Non lles facemos ningún ben. Se algún necesita apoio, seguro que desde o centro educativo nolo farán saber. Non usurpemos o seu papel. Din que a vida de estudante é a mellor. Non lla arrebatemos.