
Non deixa de ser chamativo que o empresario e a empresa, como actores específicos, non chegaran a ser obxecto de estudo da economía ata o século XX. Houbo que agardar ata mediados da pasada centuria a que Schumpeter (os «destrutores creativos»), Knight (os que «soportan as incertezas») ou Kirzner («impulsores dos procesos de descubrimento»”) formalizasen e integrasen a figura do empresario no coñecemento científico. Aínda que xa o economista clásico francés Jean Baptista Say, el mesmo empresario, acuñara a inicios do XIX o termo (entrepreneur, coller unha responsabilidade, asumir riscos ou desafíos). Porque a esencia do empresario non é outra que a de ser alguén que organiza, dirixe e asume os riscos da súa empresa. De aí o papel central que desempeñan nos procesos económicos e no progreso social. E de aí, tamén, que moitas veces se tente deturpar o seu significado, convertendo en empresarios a quen non son máis que xestores, ou transformando intencionadamente a quen se xoga os seus cartos na aventura do emprendemento en simple (e malvado) «patrón».
Do mesmo xeito que o empresario xoga un papel central na economía, o xornalismo é consubstancial á democracia. Poucos son os analistas da actual crise da democracia liberal e do Estado de dereito que non mencionan como un dos factores determinantes a do xornalismo e a dos medios tradicionais de información, suxeitos de entrada, como tantos outros sectores económicos, aos efectos da vertixinosa dixitalización da sociedade. Teodoro León Gross (La muerte del periodismo, 2024) disecciona as causas próximas: a perda da independencia económica que daba a publicidade; a tendencia á espectacularización; a confusión, tamén interesada, entre feitos e opinión; a expansión dos gabinetes de comunicación política e empresarial; ou, finalmente, a degradación do proceso de procura da verdade, nos tempos, precisamente, da postverdade e as guerras da desinformación.
Non é o mellor momento nin para os empresarios nin para os xornalistas. Nese contexto aunar a empresa coa información, e facelo con éxito, resulta algo extraordinario, digno de admiración. Santiago Rey foi quen de facelo. Herdou un periódico dos que antes despectivamente chamaban «de provincias», para convertelo no terceiro diario con maior audiencia de España, que é economicamente viable, e que nin cae no sensacionalismo, nin confunde información con opinión, porque está comprometido co pluralismo e a verdade. Unha aventura única e extraordinaria, que xera beneficios ao país na súa dobre condición: creando emprego e riqueza e impulsando un espazo de información veraz e de opinión plural que fortalece e cohesiona á sociedade galega, tanto internamente como cara ao exterior. Sobran os motivos (tamén persoais) para estarlle agradecidos a Santiago Rey. Non pode haber mellor forma de facelo que dándolle continuidade por moitos anos a esa aventura extraordinaria, empresarial e xornalística, que é La Voz de Galicia.