Querido

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

MIGUEL VILLAR

12 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

polbo —ao que chamamos pulpo pero normativamente é polbo— significa para Galicia máis que un emblema culinario. O polbo podería ser o noso estandarte, bandeira ou pendón de identidade: o país dos mil gozos. En agosto, máis. Os turistas andaban na procura do polbo como se fose un tesouro. En Verín, nos días de feira, hai polo menos vinte polbeiros e todos teñen cola para servir o seu produto marabilloso. Sitúanse preto dos bares: serven bebida e os polbeiros subministran o manxar. Os visitantes falan do polbo como un milagre superior aos misterios do Camiño de Santiago. Porén, algúns turistas aínda non comprenden parte da nosa idiosincrasia: os polbeiros que se apousentan nas rúas rara vez cobran con tarxeta. En billetes, como manda a tradición. Este asunto perturbou en gran medida ao Juan Ramón do estanco. Unha señora, dende o 3 de agosto —primeira feira mensual— non deixou de repetirlle o mesmo: «Mira, querido, que no hubo manera, que no, que quise pagarle a la pulpera con tarjeta y me dijo que no y no». O Juan Ramón calaba. Quizá estaba farto de ter que cobrar no estanco ata cinco céntimos con tarxeta, móbil, bizum etcétera. Pero el, que é un profesional, cobraba e punto. A señora regresaba: «Que no puede ser, querido, que una villa de renombre como Verín tenga pulperías en la calle y no cobren con tarjeta, dónde se ha visto, por Dios, querido». O Juanillo miraba baixo os seus lentes de traballo. E silencio. Ata finais de agosto. A señora insistiu: «Ya le dije a la pulpera en la última feria que me cobra con tarjeta o no como pulpo». O Juan Ramón, serenamente, baixou os lentes. Mirouna circunspecto. E contestou: «Pues no comes pulpo, querida, no comes pulpo».