Debería titular este artigo «Non hai series divertidas e agradables de ver», pero, polo si ou polo non si que as hai e o problema é que eu non sei buscalas, preferín ser prudente. Xa se sofre bastante coas noticias do telexornal para sufrir tamén coas obras de ficción. Así que, tras varias procuras, decidinme por unha que é descrita como «irreverente e divertida comedia romántica». Nela, o protagonista masculino é un corentón bastante inxenuo, que se esforza en facer ben as cousas e a quen todo lle sae mal. A protagonista feminina foi a causante de que el se distraese ao volante do seu coche e atropelase a un canciño que non pode volver camiñar, e o que dá pena ver como se despraza cun carriño de rodas. A moza, que a min paréceme insoportable, chantaxéao emocionalmente con ese motivo e tráeo a mal traer. E por se non fosen suficientes os sufrimentos do corentón, ofrécesenos na serie a agonía e morte dunha anciá. Non pensen que é algo de pasada, non, asistimos aos estertores, a perda paulatina da conciencia, as palabras sen sentido que pronuncia e finalmente a un dramático final cun fillo que chega cando xa faleceu. Pregúntome que causa, que motivo é o que leva aos guionistas e ao director dunha obra de ficción a facer sufrir ao espectador. Parecen estar convencidos de que se non sofre, se goza e pasa un intre agradable, dirán que a obra é mala, irreal, que non reflicte a vida. O agradable non vende, ao parecer. Non sei se entre o público predominan os masoquistas ou a verdadeira causa é que é máis fácil facer chorar e arrepiar que facer rir.