Racismo en España

Siro
siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

14 sep 2024 . Actualizado a las 16:39 h.

A que liou Vinicius falando na CNN do racismo en España! Dixo que os máis dos españois non somos racistas, pero si un pequeno grupo que dá mala imaxe do país e que se as institucións deportivas non espabilan contra esa lacra, España non debería acoller o Mundial 2030. En minutos, milleiros de españois encabuxados botáronse ás redes sociais chamándolle «mono», «negro de mierda» e cousas peores para deixar claro que non somos racistas; e ata o alcalde de Madrid e o ministro do Interior proclamaron que de racismo en España, nada de nada. De consultar o Congreso, habería un resultado insólito: a totalidade das señorías sacaría peito para afirmar que España nin de broma é racista.

 Eu non creo que os españois sexamos máis racistas que outros pobos, pero chéganos ben. Expulsamos os xudeus en 1492 e os mouriscos en 1609; porén, o antixudaísmo e a islamofobia fican vivos en amplos sectores da poboación. Durante a colonización de América, egrexios homes de Deus defenderon o noso dereito a escravizar indios «que distan poco de los retrasados mentales», «hombrecillos con apenas vestigios de humanidad», «tan inferiores a los españoles como los niños a los adultos y las mujeres a los varones».

En canto á etnia xitana, «a mala raza», quixemos acabar con ela sen cámaras de gas nin fornos crematorios. Foi o marqués da Ensenada, ministro polivalente de Fernando VI, que un día mandaba construír os estaleiros de Ferrol e outro proxectaba un xenocidio. O plan, coñecido polos nomes de A Gran Redada e Prisión Xeral de Xitanos, consistía en trincalos a todos e recluílos separados os homes das mulleres para que non procreasen e acadar a extinción. Soa ridículo, pero ía en serio.

O dos negros é peor porque segundo unha antiga lenda cristiá son fillos de Caín, asasino de Abel, e a súa cor é o sinal da abominación de Deus. De maneira que a raza maldita puido ser escravizada sen cargos de conciencia en ninguén. Desde 1865, España foi o único país europeo con escravos e o último en abolir a escravitude, en 1886. Os que nos campos de fútbol chaman «mono» a Vinicius son racistas fachendosos, e non se contan cos dedos das mans. Os que, en 2006, aldraxaron a Eto´o no campo do Getafe eran centos; quizais miles.

A min paréceme que para sabermos se somos racistas ou non, en cada fogar deberiamos vivir a experiencia de Spencer Tracy e Katharine Hepburn na película Adiviña quen vén cear esta noite, pero sen que o noivo da nosa filla fose Sidney Poitier, senón un negro tirando a feo como Vinicius e de profesión fontaneiro, poño por caso. Que se molle Tezanos.