Estamos sós

Marina Mayoral
marina mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

16 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Vendo en TVE a vicepresidenta e ministros dicir si ao que antes dicían non, defender o que antes atacaban e atacar o que defendían, pensei que non me cría nada do que estaban a dicir, que cada un ía defender os seus intereses e que o ben común non entraba nos seus cálculos. E viñéronme á cabeza unhas palabras do Lazarillo de Tormes. Lázaro é un marxinado social que se move entre ladróns, presidiarios e prostitutas, pero é un neno inocente. A súa nai pono ao servizo dun cego, co que perde a súa inocencia. O cego dille que arrime a cabeza a un touro de pedra para oír a voz que ecoa dentro e, cando o fai, empúxao contra a estatua dicíndolle: «Necio, aprende, que el mozo de ciego un punto ha de saber más que el diablo». Lázaro dános a súa versión do episodio: «Pareciome que en aquel instante desperté de la simpleza en que como niño dormido estaba. Dije entre mí: ‘‘Verdad dice este, que me cumple avivar el ojo y avisar, pues solo soy, y pensar cómo me pueda valer”». Palabras que en castelán actual veñen dicir que hai que estar á espreita e valerse por si mesmo porque ninguén nos vai axudar. E esas palabras leváronme a outras dunha serie do século XX. A unha moza róubanlle a súa mochila con todo o seu diñeiro e pídelles a unhas mozas que lle permitan compartir un taxi para poder regresar á súa casa. Unha delas respóndelle: «A miña nai díxome que non axude a ninguén».

O libro anónimo atribúese a Diego Hurtado de Mendoza y Pacheco, poeta e diplomático español do século XVI. Quizá a súa vida foi máis complicada do que contan os biógrafos, porque as súas pesimistas palabras resultaron proféticas: a verdade é que estamos sós e que é de necios esperar axuda desinteresada.