O falecido profesor Jordano Barea, catedrático de Dereito Civil en Sevilla, de quen algúns vellos xuristas galegos aínda lembran o seu lúcido inxenio docente, contaba que ingresara nas ringleiras do escepticismo sobre a existencia da xustiza xusto despois de gañar o seu primeiro caso nos tribunais. Tratábase dunha acusación de asasinato e el preparou a defensa do acusado concienzuda e exitosamente, gañando a absolución do seu cliente. Este, poucos días despois de quedar en liberdade, foi ao seu despacho para darlle as grazas, e informarlle de que, desafortunadamente, non lle podía pagar polos seus servizos pero que, «se algún día vostede ten algún problema con alguén, e quere arranxalo, non ten máis que chamarme que eu me ocupo do asunto».
Todos os integrantes do Grupo Parlamentario de Junts no Congreso adoitan incluír nas súas intervencións a reivindicación da independencia e rematan as súas intervencións cun «Visca Catalunya lliure». Os de Esquerra Republicana só o fan de cando en vez, dependendo de se toca un tema máis social (entón do que se trata é de defender ás clases populares catalás e, de paso, «tamén ás do Estado español») ou máis político (entón o voto a favor explícase habitualmente como un paso gradual cara ao obxectivo da independencia, ou para aliñarse co Goberno que a pode facilitar fronte á extrema dereita). E cada vez que hai un debate no que se cuestiona algunha decisión do Goberno relativa á lei de amnistía que beneficia aos condenados pola declaración de independencia de Cataluña do 2017 e as actuacións que a promoveron, o presidente do Goberno e os seus ministros (Bolaños con particular insistencia) argumentan invariablemente que o clima en Cataluña ten mudado radicalmente, e que o procés está morto e soterrado. Cada quen é libre de pensar se esta melloría é consecuencia da reacción xurídica e penal aplicada a raíz daqueles feitos polo anterior executivo; ou traen causa da «desxudicialización do conflito» e as posteriores e continuas cesións que desde o actual Goberno de España, non se sabe se por facer «da necesidade virtude», como se dicía inicialmente, ou porque é bo para todas as comunidades autónomas, como se di agora, se lle fixeron e continúan a facer aos independentistas.
A defensa que os voceiros socialistas (incluído, sorprendentemente, o secretario xeral socialista galego), e moi en particular o seu líder, o presidente do Goberno, fan dos postulados que ata antonte mesmo só defendían os independentistas; e mesmo os eloxios e as chamadas á súa responsabilidade, fixéronme recordar a anécdota, real, do profesor Jordano, tal e como foi lembrada hai uns meses polo seu fillo Jesús, tamén catedrático (de Dereito Administrativo) na Universidade de Sevilla, no bautizo da aula desta institución coa que se honra o legado académico do seu pai. Algún día, se finalmente se saen coa súa, e por exemplo chegan a lexislar, xestionar e recadar todos os ingresos no seu territorio, os independentistas visitarán o despacho do seu defensor e lle dirán que non lle poden pagar, pero que se algún día precisa cartos e ten un problema con alguén, poñamos que en calquera votación relativa ao sistema fiscal e aos tributos que pagarán o resto dos españois, pode chamalos, que aí estarán eles para ocuparse do asunto.