O exercicio da arquitectura móvese entre a inmanencia consubstancial á redacción do proxecto e a continxencia inherente á obra: concursos con honorarios limitados, tecnoloxías que van por libre, a división do encargo en proxecto e execución, pregos de condicións confusos, cambios de programa, unha normativa abafante… Sobran páxinas e trámites reiterativos e mesmo contraditorios, un enxame regulador que, seguramente, a intelixencia artificial será quen de reconducir a medio prazo. O arquitecto ao que lle interesa a arquitectura busca, aínda que non o recoñeza, a transcendencia da súa obra. Procura ir alén do que é esencial a calquera edificio, o benestar, a seguridade e a utilidade. Aspira a superar os ímpetos do presente para instalarse nos tempos do porvir, cando a obra pasa a formar parte da cidade ou dos campos e produce un sentimento positivo compartido, a risco de que acabe sendo tan mitificada que deixe de ser unha verdade construída para converterse nunha icona.
Pero o arquitecto ao que lle interesa a arquitectura tamén sofre. Unha vez concluída a obra, sácalle fotos e publícaas, consciente de que a partir do momento da inauguración o edificio xa está noutras mans que van empezar a introducir modificacións. Manteño que, cando menos na arquitectura pública, debería contarse cunha asistencia do autor para enfrontarse ás eventualidades derivadas do seu uso e, de paso, superar esa resistencia do «artista» a modificala, como se a súa obra fose intocable.
Desde a antigüidade clásica, arquitectura e pensamento van da man, necesítanse mutuamente porque a filosofía contextualiza e ampara a obra. Con todo, a linguaxe dos arquitectos pode tornarse críptica e valer tanto para defender A coma o contrario de A. Sen negar a importancia da contribución teórica da filosofía, cando esta marca a pauta para crear un estilo, por así dicir, intelectual, soe cristalizar en movementos efémeros como a posmodernidade ou o deconstructivismo.
Non todo o que se constrúe ten que ser memorable, de autor. As Escolas deberían ensinar tamén esa arquitectura discreta, sen barroquismo, útil, económica, iso si, ben debuxada e ben construída, que conforma as rúas e prazas das nosas cidades e se insire sutilmente nas contornas naturais.
En tempos municipais traballamos con arquitectos de diversas procedencias, simultaneando as escalas da cidade co planeamento, o deseño das grandes proporcións co detalle construtivo, como se fose un labor «ruminante», de adentro para fóra, do grande ao pequeno e viceversa. O quid está na ilación que cumpre a cultura como feito social e creativo.