Infancia partida, infancia intensiva

María López Sández
María López Sández PUNTO DE VISTA

OPINIÓN

JOSE ALONSO

28 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas últimas décadas producíronse transformacións sociais que mudaron radicalmente o noso xeito de vivir. Conquistas irrenunciables, como a incorporación da muller ao mundo laboral, non se traduciron nun reparto equitativo das cargas de traballo e familiares; senón, as máis das veces, nunha dobre xornada para elas e unha dificultosa e deficiente resolución do tema dos coidados e a conciliación.

Neste contexto, a infancia foi a vítima máis indefensa. Moitas mulleres e homes renunciaron a ter fillos ou adiaron ata o límite a maternidade, quizais porque sentiron que non era posible levala a cabo con responsabilidade espremidos polas esixencias laborais, a mobilidade e a inestabilidade. Por outra banda, as necesidades de apego, coidado e atención víronse seriamente comprometidas. Eu fun xa filla de nai traballadora e sufrín as consecuencias das quendas de traballo e aínda lembro a sensación dos días nos que a miña nai traballaba pola tarde e non podía chegar ata as dez e vinte da noite.

Non hai unha norma fixa que diga se é preferible unha xornada intensiva ou outra partida nas escolas. Dependerá de múltiples factores: os horarios laborais dos pais e as nais, a distancia do colexio á casa, os servizos complementarios dispoñibles. O que si está claro é que a decisión debe tomala colectivamente toda a comunidade educativa, poñendo no foco aos que nestes procesos nunca votan e a miúdo nin son escoitados: os nenos e as nenas. Cómpre pormos na balanza os principios pedagóxicos sobre a aprendizaxe; mais tamén a necesidade de tempo libre e de ocio, de xogo e de actividades que escollan por gusto, para exploraren o mundo e descubrírense a si mesmos.

Hai uns meses, o pedagogo italiano Francesco Tonucci foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Santiago. No seu discurso expresou unha vez máis o que leva sendo a loita de toda unha vida: a reivindicación de cidades que teñan en conta aos nenos, onde poidan xogar na rúa e transitar tranquilamente para iren á escola. El, Frato, pasados os 80 anos, lembra unha infancia na que o xogo libre foi un xeito de construírse e de ser feliz. O que Tonucci di sobre cidades hostís á infancia, construídas para coches e condutores produtivos laboralmente, de costas a nenos e anciáns, é extensible a toda a sociedade da que a cidade é expresión visible. Necesitamos asumir colectivamente unha ética dos coidados e recuperarmos as nocións do importante e do accesorio. Porque de nenos e nenas infelices só cabe agardarmos un futuro sen esperanza.