Como non se van producir amores no supermercado? De sempre! Pasoume esta mesma mañá. Ía medio durmida por un dos corredores, empurrando o carriño e... zas! Aí estaba, en amarelo, cunha frecha, chamando a miña atención. Espertei ao instante. O aceite de oliva non chegaba a sete euros. Sete!
Axiña se me viñeron á lembranza os tempos nos que se pagaba a tres a botella. Non pensen que hai tanto! Pero iso xa é auga pasada. No amor hai que reinventarse a diario. Así que sete pareceume unha cifra marabillosa para apertar. Cando chegaba ao andel, adiantáronseme. Case teño que coller número, pois o cabaleiro de diante apañaba ben litros. Ao notar o meu nerviosismo, mirándome de esguello, xustificouse: «Mañá sube o IVE. De vostede levaría máis».
Contívenme, sabedora de que o amor é propicio a producir excesos. Pero o certo é que ao instante pensei en como empregar ese aceite. Nunha ensalada pola noite, nunha torrada pola mañá. Daquela fun directa ao pan de molete. Amei ese pan un tempo. Non só pola codia que trisca, tamén porque cheguei a aforrar seis céntimos na peza. Logo o tamaño do bolo non fixo máis que minguar e, así esmirrado, non me presta tanto.
Tamén lles digo. Cada vez isto dos amores está máis complicado no súper, eh. Porque os prezos veña a subir, e subir e subir... e as cantidades a baixar e baixar e baixar...
Así non se pode! Que o amor non é cego de todo. E o de pasar fame non vai con el. Eu poño da miña parte pero as relacións están complicadas. Ai, o amor!