A min paréceme que se os papas Xoán Paulo II, Benedicto XVI e Francisco pediron perdón pola responsabilidade da Igrexa nas atrocidades da conquista e colonización de América, e se tres reis actuais —Carlos de Inglaterra, Felipe de Bélxica e Guillermo dos Países Baixos— condenaron a escravitude dos pobos que os seus antergos colonizaron, Felipe VI puido dar una resposta semellante á carta que o presidente mexicano López Obrador lle enviou en 2021, sen perder por iso dignidade nin a Coroa nin España. Tamén puido recordarlle que xa o fixera o pai en 1990, en Oaxaca, ante representantes de tribos nativas mexicanas, e repetir as súas palabras: «Os reis de España ditaron leis protectoras dos indios, incumpridas moitas veces por encomendeiros cobizosos e funcionarios corruptos». Xoán Carlos I quedara moi ben, aínda que a historia non fose así.
O primeiro escravista en América foi Colón, e en 1493 propuxo aos Reis Católicos o negocio da venda de escravos indios en España. Os reis aceptaron e en documento datado o 12 de abril de 1495 indicaron que os 500 indios que Colón mandou á volta da segunda viaxe se vendesen en Andalucía. Pero tiveron un trasacordo, e catro días despois advertiron de que consultarían con teólogos e canonistas «si con buena conciencia se pueden vender los indios como esclavos, o no». A resposta dos consultados demorouse ata o 1500, foi contraria á venda e os reis prohibírona. Non toda, porque os indios chamados «caribes» —caníbais e contrarios á fe— si podían escravizarse e un quinto das ganancias era para os reis.
Cando Carlos I chegou ao trono escravizábanse tamén os indios que se enfrontaban armados aos conquistadores. Eran «presos da guerra xusta» e a quinta parte marcábase co ferro real. As Leis Novas de 1542 aboliron a escravitude toda e en pouco tempo prohibiuse marcar os indios a ferro e foron liberados os sobreviventes dos indios escravizados por Hernán Cortes, quen no xuízo de residencia xa fora declarado culpable de apreixar 3.000 mulleres e nenos en Tepeaca e facelos ferrar como escravos seus. As trécolas dos defensores da escravitude e as obxeccións da Audiencia de México facían tan difícil o cumprimento da lei que o rei nomeou Procuradores de Indios coa misión de defendelos. Porén, aínda en 1588 o virrei de Felipe II en México liberou 100 indios que a Audiencia de Nova Galicia escravizara por rebelión.
A lenda rosa dunha conquista e colonización feitas coa cruz diante e a espada na vaíña trágaa quen pode e quere; pero os explotadores contemporáneos, os Tirano Banderas, non son españois, están en México e pertencen á clase social do expresidente López Obrador e a presidenta Claudia Sheinbaum.