O oso e os ultras do fútbol

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

MARTIN ZIEMER | EFE

07 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Se sabes que hai un oso preto, un caimán, un león, unha tarántula ou calquera outro becho perigoso, o que dita o sentido común é poñerse lonxe. Pero se non podes escapar, o lóxico é enfrontarte ao perigo e rematar con el. O asunto dos ultras no fútbol é un pouco o mesmo. Son un becho perigoso, e hai que decidir se escapar deles ou acabar con eles. Eu opto polo segundo, obviamente.

O que pasou aí atrás no derbi Madid-Atleti foi moi grave, pero non tanto porque unha panda de neonazis (están máis que catalogados así pola policía) aos que lles importa un pemento o fútbol lanzasen cousas e tivesen que parar o partido case media hora. O grave foi ver aos futbolistas tentando negociar con eles, pedíndolles que parasen, que se portasen ben. Futbolistas negociando con xente encarapuchada. Case nada.

Un dos libros mellores que lin nos últimos tempos é o da mexicana Cristina Rivera Galarza titulado El invencible verano de Liliana, no que pasa revista, trinta anos despois, ao asasinato da súa irmá de 19 a mans do seu mozo. Unha das cousas que di para explicarse por que ela o aturaba e non se atrevía a marcharse era porque sabía que vivía cun oso feroz, e a súa gran preocupación, cada día, era que o oso non se cabrease, que o oso non sacase as gadoupas, que o oso non a matase. Como finalmente sucedeu.

Cos ultras do fútbol acontece exactamente o mesmo. Lembro hai anos a ultras do Atlético de Madrid irrumpindo no adestramento para paralo e rifarlles aos xogadores por non esforzarse máis e gañar partidos. A reacción dos futbolistas, en troques de ser a lóxica, que sería chamar a policía e informar que uns animais estaban ameazándoos, foi ir falar con eles, tentar negociar, calmalos. Querían que o oso non se enfadase.

Os grandes equipos de fútbol saben de sobra quen son, a que se dedican, por que están aí. Por algo que non alcanzo a entender, pero que podo maxinar, non só os toleran nas bancadas senón que ademais coidan deles, trátanos ben. Os ultras do Madrid tiñan as súas propias oficinas no estadio. E recibían entradas de balde que logo revendían a prezos de ouro. Negocian co oso.

Cun ultra non se negocia. Mándaselle á policía para que lles parta a crisma. O que pasa é que un comeza ter a sensación de que á policía mándana a outra clase de cousas. Porque se ti tentas entrar cunha bandeira de Palestina nun campo, non che deixan. Pero logo resulta que hai campos cheos de bandeiras co aguilucho do ditador, ou, incluso, emblemas claramente nazis. Ou xente encarapuchada.

Spoiler: aínda que negocies co oso, aínda que fales con el, ao final, mátate sempre. O que hai é que matar ao oso.